René Descartes


René Descartes

Biografía


René Descartes (1596-1650)

Casa natal de Descartes

Descartes naceu o 31 de marzo de 1596 na Haye, na Turena francesa. O seu pai, Joachin Descartes, pertencente a unha familia da baixa nobreza, era Conselleiro no Parlamento de Bretaña. A temperá morte da súa nai, Jeanne Brochard, poucos meses despois do seu nacemento, obrigou a que o pequeno se criase na casa da súa avoa materna, a cargo dunha ama á que permanecerá ligado toda a súa vida. Posteriormente fará os seus estudos na escola dos xesuítas da Flèche, ata os dezaseis anos, estudando logo Dereito na Universidade de Poitiers. Segundo a propia confesión de Descartes, tanto no Discurso do método como nas Meditacións, os ensinos da escola decepcionárono, —quitando as matemáticas, onde vía a posibilidade de atopar un verdadeiro saber—, debido ás numerosas lagoas que presentaban os saberes recibidos.

Esta mostra de escepticismo, que Descartes presenta como un trazo persoal é, sen embargo, unha característica que se atopa con frecuencia no pensamento de finais do século XVI e principios do XVII, séculos nos que o pirronismo exerceu unha notábel influencia. Terminados os seus estudos Descartes comeza un período de viaxes, apartándose das aulas, convencido de non poder atopar nelas o verdadeiro saber:

"Xa que logo, tan pronto como a idade me permitiu saír da suxeición dos meus preceptores, abandonei completamente o estudo das letras. E, tomando a decisión de non buscar outra ciencia que a que puidese achar en min mesmo ou no gran libro do mundo, dediquei o resto da miña mocidade a viaxar, a coñecer cortes e exércitos, a tratar con xentes de diversos temperamentos e condicións, a recoller diferentes experiencias, a poñerme a min mesmo a proba nas ocasións que a fortuna me deparaba, e a facer sempre tal reflexión sobre as cousas que se me presentaban, que puidese obter algún proveito delas." (Discurso do método)

Tralos seus estudos opta, pois, pola carreira das armas e enrólase en 1618, en Holanda, nas tropas de Maurice de Nassau, príncipe de Orange. Alí coñecerá a un xoven científico, Isaac Beeckman, para quen escribe pequenos traballos de física, como "Sobre a presión da auga nun vaso" e "Sobre a caída dunha pedra no baleiro", así como un compendio de música. Durante varios anos manteñen unha intensa e estreita amizade, exercendo Beeckman unha influencia decisiva sobre Descartes, sobre todo na concepción dunha física matemática, na que fora instruído por Beeckman. Posteriormente prosegue coas súas investigacións en xeometría, álxebra e mecánica, orientado cara a busca dun método "científico" e universal.

No ano 1619 deixa Holanda, e instálase primeiro en Dinamarca e logo en Alemaña, asistindo ao coroamento do emperador Fernando en Frankfurt. Enrólase entón no exército do Duque Maximiliano de Baviera. Aloxado nos cuarteis o seu exército durante o inverno, preto de Baviera, pasa o seu tempo nunha habitación quentada por unha estufa, onde elabora o seu coñecido método de investigación e descuberta, resultado da fusión de procedementos lóxicos, xeométricos e alxébricos. Desa época será a concepción da posibilidade dunha matemática universal (a idea dunha ciencia universal, dun verdadeiro saber) e prométese empregala en renovar toda a ciencia e toda a filosofía.

Pola noite do 10 de novembro de 1619 ten tres soños sucesivos que interpreta como unha mensaxe do ceo para consagrarse á súa misión filosófica. A importancia que lle concede Descartes a estes soños choca coas características que se lle atribúen ordinariamente ao seu sistema ( racionalismo) pero, segundo nos conta o mesmo Descartes, estarían na base da súa determinación de dedicarse á filosofía, e conterían xa a idea da posibilidade de fundamentar con certeza o coñecemento e, con iso, reconstruír o edificio do saber sobre cimentos firmes e seguros. Dotándose co seu método dunha moral provisional, renuncia por mor dela á súa carreira no exército. De 1620 a 1628 viaxa por Europa, residindo en París entre os anos 1625-28, dedicando o seu tempo ás relacións sociais e ao estudo, e iniciando unha amizade co cardeal Bérulle, quen o animará a desenvolver as súas teorías en afinidade co catolicismo. Durante este período exercitase no seu método, liberase dos prexuízos, acumula experiencias e elabora múltiples traballos descubrindo especialmente en 1626 a lei de refracción dos raios luminosos. Tamén nesta época redacta as "Regras para a dirección do espírito", obra inacabada na que expón o esencial do seu método.

Quiosco nun xardín da épocaNo ano 1628 retírase outra vez a Holanda para “traballar en paz”. Alí permanecerá vinte anos, cambiando a miúdo de residencia, completamente ocupado na súa tarefa filosófica. Comeza por compoñer un pequeno tratado de metafísica sobre a alma e Deus do que se di satisfeito e que debe servir ao tempo de arma contra o ateísmo e de fundamento da física. Dito tratado contería xa as ideas fundamentais do que serían posteriormente as "Meditacións metafísicas", segundo algúns estudosos do cartesianismo, opinión non compartida por outros, que creen demasiado temperá a data como para que Descartes estivese xa en posesión da súa metafísica.

Interrompe a elaboración de dito tratado metafísico para escribir en 1629 un "Tratado do mundo e da luz" que acaba en 1633 e que contén a súa física, de carácter mecanicista. Pero, como coñecera por azar a condena de Galileo por defender o movemento da terra (que tamén sostiña Descartes), renuncia a publicar o seu traballo. Por unha parte non quere enfrontarse coa Igrexa á cal está sometido pola fe. Por outra, pensa que o conflito entre a ciencia e a relixión é un malentendido. En fin, espera que un día o mundo comprenderá e que poderá editar o seu libro. (Este "medo" de Descartes diante da condena de Galileo levou a algúns estudosos a buscar na súa obra un significado "oculto", chegando a interpretar a demostración da existencia de Deus que realiza nas Meditacións como un simple exercicio de prudencia, que non se correspondería co "auténtico" pensamento cartesiano sobre a cuestión). Para difundir a súa doutrina, entrementres, publica resumos da súa física, precedidos por un prefacio. Un deses traballos foi o famoso "Discurso do método", seguido de "A Dióptrica", os "Meteoros" e "A Xeometría", que segundo Descartes son só ensaios deste método (1637). O éxito levarao a dedicarse completamente á filosofía. No ano 1641 publica, en latín, as "Meditacións sobre a filosofía primeira", máis coñecidas como as “Meditacións metafísicas”, que somete previamente aos grandes espíritos da época (Mersenne, Gassendi, Arnauld, Hobbes...) cuxas obxeccións seguidas de respostas serán publicadas ao mesmo tempo. En 1640 morre a súa filla Francine, nada en 1635, froito da relación amorosa mantida cunha serventa. En 1644 publica en latín os "Principios da filosofía". A publicación destas obras proporciónalle a Descartes o recoñecemento público, pero tamén é causa de numerosas disputas.

No ano 1643 coñece a Elizabeth de Bohemia, filla do elector palatino destronado e exiliado en Holanda. A princesa adóptao como director de conciencia, relación da que xurdirá unha abundante correspondencia na que Descartes profunda sobre a moral e sobre as súas opinións políticas e que o conducirán á publicación, no ano 1649, de "As paixóns da alma", máis coñecida como o “Tratado das paixóns”, que será a última obra publicada en vida do autor e supervisada por el.

Posteriormente fará tres viaxes a Francia, nos anos 1644, 1647 e 1648. Será ao longo do segundo cando coñecerá a Pascal. Por outra banda, a súa crecente fama valeralle a atención da raíña Cristina de Suecia. No mes de febreiro do 1649 será convidado por ela para que viaxe a Suecia e a introduza na súa filosofía. Descartes, reticente o primeiro ante a proposta, parte sen embargo en setembro para Suecia. Máis o afastamento, o rigor do inverno e a envexa dos doutos, contrarían a súa estancia. A raíña cítao no pazo cada mañá ás cinco da madrugada para recibir as súas leccións. Descartes, de saúde fráxil e acostumado a permanecer escribindo na cama ata media mañá, colle frío e morre dunha pneumonía en Estocolmo o 11 de febreiro do 1650 á idade de 53 anos.

(A obra de referencia sobre a vida de Descartes é a de Adrien Baillet: "Vie de M. Descartes", que se pode consultar en liña na Bibliothèque Nationale de France.)