René Descartes


Análises, comentarios e xuízos críticos

Exercicio 2

Elabora un xuízo crítico sobre a concepción cartesiana do método no Discurso do método.

Discurso do método

Segunda parte (fragmento sobre os preceptos do método)

(...) Pero como home que ten que andar só e na escuridade, resolvín ir tan amodo e empregar tanta circunspección en todo, que, a cambio de adiantar pouco, gardaríame polo menos moi ben de tropezar e caer. E incluso non quixen empezar a desfacerme por completo de ningunha das opinións que puideron antano deslizarse na miña crenza, sen que foran introducidas pola razón, ata despois de pasar moito tempo dedicado ao proxecto da obra que ía emprender, buscando o verdadeiro método para chegar ao coñecemento de todas as cousas de que o meu espírito fose capaz.

Estudara un pouco, cando era máis mozo, das partes da filosofía, a lóxica, e das matemáticas, a análise dos xeómetras e o álxebra, tres artes ou ciencias que debían, disque, contribuír algo ao meu propósito. Pero cando as examinei, houben de notar que, no que fai á lóxica, os seus siloxismos e a maior parte das demais instrucións que dá, serven máis para explicar a outros as cousas xa sabidas ou incluso, como a arte de Lulio, para falar sen xuízo das ignoradas, que para aprendelas. E se ben contén, en verdade, moitos, moi bos e verdadeiros preceptos, hai, sen embargo, mesturados con eles, tantos outros nocivos ou superfluos, que separalos é case tan difícil como sacar unha Diana ou unha Minerva dun bloque de mármore sen desbastar. Logo, no tocante á análise dos antigos e á álxebra dos modernos, aparte de que non se refiren senón a moi abstractas materias, que non parecen ser de ningún uso, a primeira está sempre tan contrita a considerar as figuras, que non pode exercitar o entendemento sen cansar grandemente a imaxinación; e na segunda, suxeitaron tanto os seus cultivadores a certas regras e a certas cifras, que fixeron dela unha arte confusa e escura, boa para enlear o enxeño, en lugar dunha ciencia que o cultive. Por todo o cal, pensei que tiña que buscar algún outro método que xuntase as vantaxes desas tres, excluíndo os seus defectos.

E como a multitude de leis serve moi a miúdo de desculpa aos vicios, sendo un Estado moito mellor rexido cando hai poucas, pero moi estritamente observadas, así tamén, en lugar do gran número de preceptos que encerra a lóxica, crín que me abondarían os catro seguintes, suposto que tomase unha firme e constante resolución de non deixar de observalos sequera unha vez:

Foi o primeiro, non admitir como verdadeira cousa algunha, como non soubese con evidencia que o é; é dicir, evitar coidadosamente a precipitación e a prevención, e non comprender nos meus xuízos nada máis que o que se presentase tan clara e distintamente ao meu espírito, que non houbese ningunha ocasión de poñelo en dúbida.

O segundo, dividir cada unha das dificultades, que examinara, en cantas partes fose posíbel e en cantas requirise a súa mellor solución.

O terceiro, conducir ordenadamente os meus pensamentos, empezando polos obxectos máis simples e máis fáciles de coñecer, para ir ascendendo aos poucos, gradualmente, ata o coñecemento dos máis compostos, e incluso supoñendo unha orde entre os que non se preceden naturalmente.

E o último, facer en todo uns recontos tan integrais e unhas revisións tan xerais, que chegase a estar seguro de non omitir nada.

Esas longas series de trabadas razóns moi simples e fáciles, que os xeómetras acostuman empregar, para chegar a súas máis difíciles demostracións, dérame ocasión de imaxinar que todas as cousas, das que o home pode adquirir coñecemento, séguense unhas a outras da mesma maneira, e que, só con absterse de admitir como verdadeira unha que non o sexa e gardar sempre a orde necesaria para deducilas unhas doutras, non pode haber ningunha, por lonxe que se ache situada ou por oculta que estea, que non se chegue a acadar e descubrir. E non me cansei moito en buscar por cales era preciso comezar, pois xa sabía que polas máis simples e fáciles de coñecer; e considerando que, entre todos os que ata agora investigaron a verdade nas ciencias, só os matemáticos puideron atopar algunhas demostracións, isto é, algunhas razóns certas e evidentes, non dubidaba de que había que empezar polas mesmas que eles examinaron, aínda cando non esperaba sacar de aquí ningunha outra utilidade, senón afacer o meu espírito a saciarse de verdades e a non contentarse con falsas razóns. Aínda así, non concibín o propósito de procurar aprender todas as ciencias particulares denominadas comunmente matemáticas, e vendo que, aínda que os seus obxectos son diferentes, todas, sen embargo, coinciden en que non consideran senón as varias relacións ou proporcións que se atopan nos tales obxectos, pensei que máis valía limitarse a examinar esas proporcións en xeral, supoñéndoas só naqueles asuntos que servisen para facerme máis fácil o seu coñecemento e ata non suxeitándoas a eles de ningunha maneira, para poder despois aplicalas tanto máis libremente a todos os demais a que puidesen convir. Logo advertín que, para coñecelas, tería ás veces necesidade de considerar cada unha delas en particular, e outras veces, tan só reter ou comprender varias xuntas, e pensei que, para consideralas mellor en particular, debía supoñelas en liñas, porque non atopaba nada máis simple e que máis distintamente puidese eu representar á miña imaxinación e os meus sentidos; pero que, para reter ou comprender varias xuntas, era necesario que as explicase nalgunhas cifras, as máis curtas que fose posíbel; e que, por este medio, tomaba o mellor que hai na análise xeométrico e na álxebra, e corrixía así todos os defectos dun polo outro.

E, efectivamente, atrévome a dicir que a exacta observación dos poucos preceptos por min escollidos, deume tanta facilidade para desenmarañar todas as cuestións de que tratan esas dúas ciencias, que en dous ou tres meses que empreguei en examinalas, comezando polas máis simples e xerais, e sendo cada verdade que atopaba unha regra que me servía logo para atopar outras, non só conseguín resolver varias cuestións, que antes considerara como moi difíciles, senón que ata pareceume tamén, cara o final, que, incluso nas que ignoraba, podería determinar por que medios e ata onde era posíbel resolvelas. No cal, acaso non me acusaredes de excesiva vanidade se considerades que, suposto que non hai senón unha verdade en cada cousa, o que a atopa sabe todo o que se pode saber dela; e que, por exemplo, un neno que sabe aritmética e fai unha suma conforme ás regras, pode estar seguro de, acerca da suma que examinaba, achou todo canto o humano enxeño poida achar; porque ao fin e ao cabo o método que ensina a seguir a orde verdadeira e a recontar exactamente as circunstancias todas do que se busca, contén todo o que confire certeza ás regras da aritmética.

Pero o que máis contento me daba deste método era que, con el, tiña a seguridade de empregar a miña razón en todo, se non perfectamente, polo menos o mellor que fose no meu poder. Sen contar con que, aplicándoo, sentía que o meu espírito íase afacendo aos poucos a concibir os obxectos con maior claridade e distinción e que, non suxeitadoo a ningunha materia particular, prometíame aplicalo con igual froito ás dificultades das outras ciencias, como o fixera coas da álxebra. Non por iso me atrevín a empezar logo a examinar todas as que se presentaban, pois iso mesmo sería contrario á orde que o método prescribe; pero advertindo que os principios das ciencias tiñan que estar todos tomados da filosofía, na que aínda non achaba ningún que fora certo, pensei que ante todo era preciso procurar estabelecer algúns desta clase e, sendo isto a cousa máis importante do mundo e na que son máis de temer a precipitación e a prevención, crín que non debía acometer a empresa antes de que chegase a máis madura idade que a de vinte e tres anos, que tiña entón, e de que dedicara moito tempo a prepararme, desarraigando do meu espírito todas as malas opinións as que lles dera entrada antes daquel tempo, facendo tamén provisión de experiencias varias, que fosen despois a materia dos meus razoamentos e, por último, exercitándome sen cesar no método que me prescribira, para afianzalo mellor no meu espírito.

R. Descartes, "Discurso do método", Segunda parte, 1637