Conciencia - Glosario de filosofía

A | B | C | D | E | F | G | H | I | K | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | U | V | X | Y

Se unha palabra non se atopa no listado de termos amosado é que non está definida no glosario.

Conciencia
1. Do latín "conscientia", que refire etimoloxicamente ao "saber algo dándose un conta de que sabe". Chamamos conciencia a un proceso activo (non a unha "cousa" ou un "lugar" na mente ou no cerebro) que se pode asimilar á experiencia subxectiva do coñecemento de si mesmo e da realidade. Tal experiencia inclúe as sensacións, percepcións, recordos e pensamentos, polo que dito proceso supón a atención, a memoria e o pensamento.

2. Adóitanse distinguir varios graos ou niveis de conciencia, que van dende o estado de vixilia (cando estamos despertos) ao da conciencia onírica (cando durmimos). Podemos definir, ademais, algúns destes estados como alteracións da conciencia (como ocorre cando soñamos), ou como estados alterados de conciencia (como os producidos pola embriaguez ou polo consumo de determinadas substancias).

3. En filosofía a conciencia foi asimilada, ben ao coñecemento de si mesmo (conciencia reflexiva), ben ao coñecemento da realidade exterior, do mundo dos obxectos (conciencia representativa). En Descartes a conciencia identificarase co "eu", coa realidade substancial do individuo, iniciando unha corrente interpretativa que chega ata a actualidade; dentro dela, Husserl entende que a conciencia é necesariamente conciencia de algo e, insistindo nese ser "conciencia de", subliña o seu carácter intencional.