Ciencia - Glosario de filosofía

A | B | C | D | E | F | G | H | I | K | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | U | V | X | Y

Se unha palabra non se atopa no listado de termos amosado é que non está definida no glosario.

Ciencia
Do latín "scientia", polo que se traduxo o grego "episteme", etimoloxicamente significa "coñecemento verdadeiro", coñecemento baseado en razóns sólidas. Neste sentido foi considerada ciencia a filosofía ata a modernidade, en que o termo comeza a utilizarse cun significado distinto que, baixo a denominación de "Nova ciencia", rexeita que o coñecemento consista no coñecemento das esencias e no recurso exclusivo ao método dedutivo, liberándose tamén así da teoloxía.

Na actualidade entendese por ciencia todo saber que se poida presentar como un conxunto sistemático de coñecementos racionais, e cuxa validez poida ser demostrada mediante métodos lóxicos ou empíricos, segundo falemos de coñecementos propios das ciencias formais ou das ciencias empíricas.