Praxe - Glosario de filosofía

A | B | C | D | E | F | G | H | I | K | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | U | V | X | Y

Se unha palabra non se atopa no listado de termos amosado é que non está definida no glosario.

Praxe
Termo procedente do grego "praxis", que vén a significar acción, realización, e que se adoita traducir por "actividade práctica". En canto actividade práctica, a "praxe" oponse á actividade teórica, e na medida que esta foi valorada como superior pola tradición filosófica, o "práctico" adquiriu un carácter de inferioridade con respecto ao teórico. Esta inferioridade viuse apoiada pola xustificación da dependencia do práctico respecto ao teórico, no sentido de que é a teoría a que dirixe e ordena a actividade práctica do ser humano.

Este punto de vista foi invertido por Marx, quen considera que ocorre o contrario: que a actividade teórica vén determinada polas condicións prácticas, materiais e sociais, nas que se desenvolve a vida social do ser humano, e depende destas, (polo que o concepto de "praxe" adquire un valor fundamental na filosofía de Marx e no marxismo). Neste sentido, a teoría vén determinada pola praxe, é dicir, o modo en que está organizada a produción material da existencia humana (praxe) determina o modo en que a realidade é interpretada (teoría, ideoloxía).