Estoicismo - Glosario de filosofía

A | B | C | D | E | F | G | H | I | K | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | U | V | X | Y

Se unha palabra non se atopa no listado de termos amosado é que non está definida no glosario.

Estoicismo
1. Doutrina filosófica de Zenón de Citio (-334,-262) e da súa Escola, fundada por el, en Atenas, cara o ano 300 antes da nosa era, na "Stoà poikilé" ou "pórtico pintado", e que foi coñecida no seu tempo como a Escola do pórtico, ou a "Stoà", sen máis, de onde deriva o termo estoicismo. As súas doutrinas, de carácter ecléctico, organizábanse en torno a tres disciplinas fundamentais: a Lóxica, a Física e a Ética, á que consideraban o cume do saber (que concibían orientado, pois, cara a vida práctica, moral, do ser humano). Foi precisamente na Ética onde exerceron unha maior influencia, que chegou a ser considerábel no mundo romano e, por extensión, no conxunto do pensamento occidental.

2. A Ética estoica propón vivir conforme á natureza racional do ser humano, (sendo a súa razón un fragmento do Logos universal), o que o levará a evitar as paixóns, (que consideraban propias do corpo), para lograr a "apatía", característica dunha vida feliz. Este afastamento das paixóns supón, en certa medida, a aceptación de ideais ascéticos de vida, cos que se adoita asociar ao estoicismo, (opoñéndose así ao hedonismo de Epicuro, ou ao eudemonismo de Aristóteles).

3. Adóitase distinguir tres fases no desenvolvemento da escola: o estoicismo antigo (representado polo propio Zenón e por Crisipo); o estoicismo medio (representado por Panecio e Posidonio); e o estoicismo novo (representado por Séneca, Epícteto e Marco Aurelio).