Textos de Platón


Busto de Platón

"República", VI: A alegoría da liña

A alegoría da liña

... Non, non o fagas -dixo.

- Pois ben -dixen-, observa que, como diciamos, son dous reis, e que reinan o un no xénero e rexión intelixíbeis (o Ben), e o outro, en cambio, na visíbel (o sol); e non digo que no ceo para que non creas que xogo co vocábulo. Sexa como sexa, tes diante de ti esas dúas especies, a visíbel e a intelixíbel?

- Téñoas.

- Toma, pois, unha liña que estea cortada en dous segmentos desiguais e volve cortar cada un dos segmentos, o do xénero visíbel e o do intelixíbel, seguindo a mesma proporción. Entón terás, clasificados segundo a maior claridade ou escuridade de cada un: no mundo visíbel, un primeiro segmento, o das imaxes. Chamo imaxes perante todo ás sombras, e en segundo lugar, ás figuras que se forman na auga e en todo o que é compacto, pulido e brillante, e a outras cousas semellantes, ¿enténdesme?.

- Si que te entendo.

- No segundo pon aquilo do cal isto é imaxe: os animais que nos rodean, todas as plantas e o xénero enteiro das cousas fabricadas.

- Póñoo - dixo.

- Accederías seica -dixen eu- a recoñecer que o visíbel se divide, en proporción á verdade ou á carencia dela, de xeito que a imaxe áchese, con respecto a aquilo que imita, na mesma relación na que o opinado con respecto ao coñecido?

- Desde logo que accedo- dixo,

- Considera, pois, agora, de que xeito hai que dividir o segmento do intelixíbel.

- Como?

Representación da alegoría da liña

- De xeito que a alma se vexa obrigada a buscar unha das partes servíndose, como de imaxes, daquelas cousas que antes eran imitadas, partindo de hipóteses e encamiñándose así, non cara ao principio, senón cara á conclusión; e a segunda, partindo tamén dunha hipótese, pero para chegar a un principio non hipotético e levando a cabo a súa investigación coa soa axuda das ideas tomadas en si mesmas e sen valerse das imaxes a que na busca daquilo recorría.

- Non comprendín de modo suficiente -dixo- iso, de que falas.

- Pois direino outra vez - contestei-. E entenderalo mellor despois do seguinte preámbulo. Creo que sabes que quen se ocupan de xeometría, aritmética e outros estudos similares, dan por supostos os números impares e pares, as figuras, tres clases de ángulos e outras cousas emparentadas con estas e distintas en cada caso; adóptanas como hipóteses, procedendo igual que se as coñecesen, e non se creen xa no deber de dar ningunha explicación nin a si mesmos nin aos demais con respecto ao que consideran como evidente para todos, e de aí é de onde parten as sucesivas e consecuentes deducións que os levan finalmente a aquilo cuxa investigación se propoñían.

-Sei perfectamente todo iso - dixo.

- E non sabes tamén que se serven de figuras visíbeis acerca das cales discorren, pero non pensando nelas mesmas, senón naquilo a que elas se semellan, discorrendo, por exemplo, acerca do cadrado en si e da súa diagonal, pero non acerca do que eles debuxan, e igualmente nos demais casos; e que así, as cousas modeladas e trazadas por eles, de que son imaxes as sombras e reflexos producidos na auga, empréganas, de xeito que sexan pola súa vez imaxes, no seu desexo de ver aquelas cousas en si que non poden ser vistas doutra maneira senón por medio do pensamento?

- Tes razón-dixo.

XXI. - E así, desta clase de obxectos dicía eu que era intelixíbel, pero que na súa investigación a alma vese obrigada a servirse de hipóteses e, como non pode remontarse por riba destas, non se encamiña ao principio, senón que usa como imaxes aqueles mesmos obxectos, imitados pola súa vez polos de embaixo, que, por comparación con estes, son tamén eles estimados e honrados como cousas palpábeis.

- Xa comprendo -dixo-; refíreste ao que se fai en xeometría e nas ciencias afíns a ela.

- Pois ben, aprende agora que sitúo no segundo segmento da rexión intelixíbel aquilo que acada por si mesma a razón valéndose do poder dialéctico e considerando as hipóteses non como principios, senón como verdadeiras hipóteses, é dicir, pasos e trampolíns que a elevan ata o non hipotético, ata o principio de todo; e unha vez chegue a este, irá pasando dunha a outra das deducións que del dependen ata que, dese modo, descenda á conclusión sen recorrer en absoluto a nada sensíbel, antes ben, usando soamente das ideas tomadas en si mesmas, pasando dunha a outra e terminando nas ideas.

- Xa me dou conta -dixo-, aínda que non perfectamente pois paréceme moi grande a empresa a que te refires, de que o que intentas é deixar sentado que é máis clara a visión do ser e do intelixíbel que proporciona a ciencia dialéctica que a que proporcionan as chamadas artes, ás cales serven de principios as hipóteses; pois aínda que quen as estudan se ven obrigados a contemplar os obxectos por medio do pensamento e non dos sentidos, sen embargo, como non investigan remontándose ao principio, senón partindo de hipóteses, paréceche a ti, por iso, que non adquiren coñecemento deses obxectos que son, sen embargo, intelixíbeis cando están en relación cun principio. E creo tamén que á operación dos xeómetras e demais chámala pensamento, pero non coñecemento, porque o pensamento é algo que está entre a simple crenza e o coñecemento.

- Entendíchelo -dixen- con toda perfección. Agora aplícalle aos catro segmentos estas catro operacións que realiza a alma: a intelixencia (nóesis), ao máis elevado; o pensamento (diánoia), ao segundo; ao terceiro dálle a crenza (pístis) e ao último a imaxinación (eikasía); e ponos en orde, considerando que cada un deles participa tanto da claridade canto máis participen da verdade os obxectos a que se aplica.

- Xa o comprendo -dixo-; estou de acordo e ordénoos como dis.

Platón, "República", VI (Segundo a versión de Xosé Abuín para webdianoia)