Fragmentos de obras de Locke

Ensaio sobre o entendemento humano

Libro II, Capítulo 12. Das ideas complexas

§ 1. Son as que a mente compón a partir de ideas simples. Ata aquí consideramos aquelas ideas para cuxa recepción a mente é só pasiva, é dicir, aquelas ideas simples que recibe polas vías da sensación e da reflexión, antes mencionadas, de xeito que a mente non pode producir por si soa unha desas ideas, nin tampouco pode ter ningunha idea que non consista enteiramente nelas. Pero aínda que é certo que a mente é completamente pasiva na recepción de todas as súas ideas simples, tamén é certo que exerce varios actos propios polos cales forma outras ideas, compostas das súas ideas simples, as cales son como os materiais e fundamento de todas as demais. Os actos da mente polos cales exerce o seu poder sobre as súas ideas simples son principalmente estos tres:

1. Combinar varias ideas simples nunha idea composta; así é como se fan todas as ideas complexas.

2. O segundo consiste en xuntar dúas ideas, xa sexan simples ou complexas, para poñelas unha preto da outra, de tal maneira que poida velas ao tempo sen combinalas nunha; é así como a mente obtén todas as súas ideas de relacións.

3. O terceiro consiste en separalas de todas as demais ideas que as acompañan na súa existencia real; esta operación chámase abstracción, e é así como a mente fai todas as súas ideas xerais. Todo isto mostra cal é o poder do home, e que o seu modo de operar é máis ou menos o mesmo nos mundos material e intelectual. Porque en ambos casos os materiais de que dispón son tales que o home non ten poder sobre eles, nin para fabricalos, nin para destruílos; canto pode facer o home é, ou ben unilos, ou ben colocar un xunto ao outro, ou ben separalos completamente. Comezarei aquí coa primeira operación, visto o propósito que teño de estudar as ideas complexas, e pasarei a examinar as outras dúas no sitio que lles corresponde. Así como se observa que as ideas simples existen unidas en diversas combinacións, así a mente ten o poder de considerar varias ideas unidas, como unha soa idea, e iso é así non só segundo se dan unidas nos obxectos externos, senón segundo ela mesma as uniu. Ás ideas así feitas de varias ideas simples unidas chámolles ideas complexas. Tales son a beleza, a gratitude, un home, un exército, o universo. E aínda que son compostas de varias ideas simples, ou de ideas complexas formadas de ideas simples, sen embargo, cando a mente quere, considéraas a cada unha, en si mesma, como unha cousa enteira significada por un nome.

§ 2. As ideas complexas fanse a vontade. Por esta facultade de repetir e unir as súas ideas, a mente ten un gran poder en variar e en multiplicar os obxectos dos seus pensamentos, infinitamente alén do que lle proporcionan a sensación e a reflexión. Pero todo isto non se sae das ideas simples que recibe a mente desas dúas fontes, ideas que son, en definitiva, os materiais de todas as composicións que faga. Porque as ideas simples proveñen todas das cousas mesmas, e desa clase de ideas a mente non pode ter nin máis nin outras que as que lle son suxeridas. Non pode ter outras ideas das calidades sensíbeis fóra das que lle chegan do exterior polos sentidos, nin ningunha outra idea de distintas especies de operacións dunha substancia pensante, que non sexan as que atopa en si mesma. Emporiso, unha vez que a mente ten xa esas ideas simples, non queda reducida á pura observación e ao que se presenta do exterior; pode, polo seu propio poder, unir esas ideas que xa ten, e producir novas ideas complexas, que xamais recibiu así formadas.

§ 3. As ideas complexas son modos, substancias ou relacións. Calquera que sexa a maneira como as ideas complexas se compoñen e descompoñen, e aínda cando o seu número sexa infinito, e non teña termo a variedade con que enchen e ocupan os pensamentos dos homes, sen embargo paréceme que poden comprenderse todas dentro destas tres capítulos:

1) Os modos.
2) As substancias.
3) As relacións.

§ 4. Os modos. Primeiro, chamo modos a esas ideas complexas que, calquera que sexa a súa combinación, non conteñan en si o suposto de que subsisten por si mesmas, senón que se as considera como dependencias ou afeccións das substancias. Tales son as ideas significadas polas palabras triángulo, gratitude, asasinato, etc. E se emprego a palabra modo nun sentido un tanto diferente da súa significación habitual, pido perdón; pero é que resulta inevitábel nas disertacións que se desvían das nocións comunmente recibidas, xa sexa fabricar palabras novas, xa usar palabras vellas cunha significación un tanto nova, e este último expediente é talvez o máis tolerábel para o presente caso.

§ 5. Modos simples e mixtos. Hai dúas clases destes modos que merecen consideración separada. Primeiro, hai algúns que só son variacións ou combinacións diferentes dunha e a mesma idea simple, sen mestura de ningunha outra. Por exemplo, unha ducia, unha vintena, que non son senón as ideas doutras tantas unidades distintas que foron sumadas, e a estas chámolles modos simples, en canto que quedan contidas dentro dos límites dunha idea simple. Pero, segundo, hai algúns outros compostos de ideas simples de diversas especies, que se uniron para producir unha soa idea complexa; por exemplo, a beleza, que consiste nunha certa composición de cor e forma que produce gozo no espectador, e o roubo, que sendo a oculta mudanza da posesión dalgunha cousa, sen que medie o consentimento do seu dono, contén, como é patente, unha combinación de varias ideas de diversas clases; e a estes chámolles modos mixtos.

§ 6. Substancias singulares ou colectivas. Segundo, as ideas das substancias son aquelas combinacións de ideas simples que se supón representan distintas cousas particulares que subsisten por si mesmas, nas cales a suposta ou confusa idea de substancia, tal como é, aparece sempre como a primeira e principal. Así, se á substancia se une a idea simple dun certo cor abrancazado apagado, con certos graos de gravidez, de dureza, de ductilidade e de fusibilidade, temos a idea do chumbo; e unha combinación das ideas dunha certa forma, cos poderes de moverse, pensar e razoar, unidas á de substancia, produce a idea común dun home. Agora ben, tamén das substancias hai dúas clases de ideas: a unha, de substancias singulares, segundo existen separadas, como a dun home ou a dunha ovella; a outra, de varias substancias reunidas, como un exército de homes, ou un rabaño de ovellas; as cales ideas colectivas de varias substancias así reunidas, son, cada unha, tan unha soa idea como o é a dun home ou a dunha unidade.

§ 7. A relación. Terceiro, a última especie de ideas complexas é a que chamamos relación, que consiste na consideración e comparación dunha idea con outra. Trataremos pola súa orde destas tres especies de ideas.

§ 8. As ideas máis abstrusas proceden das dúas fontes: a sensación ou a reflexión. Se seguimos paso a paso o progreso da nosa mente, e se observamos con atención como repite, suma e une as ideas simples que recibiu da sensación ou da reflexión, verémonos conducidos alén de onde nun principio, talvez, poderiamos imaxinarnos. E se observamos coidadosamente as orixes das nocións que temos, atoparemos, así o creo, que nin sequera as ideas máis abstrusas, por máis afastadas que poidan parecer da sensación ou de calquera operación da nosa propia mente non son, sen embargo, senón ideas que o entendemento forma para si mesmo, repetindo e unindo ideas que recibiu, xa dos obxectos sensíbeis, xa das súas propias operacións acerca desas ideas. De tal sorte que aínda as ideas máis amplas e máis abstractas proceden da sensación ou da reflexión, xa que non son senón o que a mente, polo uso común das súas propias facultades ocupadas nas ideas recibidas dos obxectos sensíbeis, ou das operacións que acerca delas observa en si mesma, pode acadar e de feito acada. Isto é o que intentarei mostrar respecto das ideas que temos do espazo, do tempo, e da infinidade, e dalgunhas outras que parecen as máis remotas daquelas dúas orixes.

J. Locke: "Ensaio sobre o entendemento humano", 1690