Fragmentos de obras de Locke

Ensaio sobre o entendemento humano

Libro II, Capítulo 1. Das ideas en xeral e da súa orixe

§ 1. A idea é o obxecto do pensamento. Posto que todo home é consciente para si mesmo de que pensa, e sendo aquilo no que a súa mente se ocupa, mentres está pensando, as ideas que están alí, non hai dúbida de que os homes teñen na súa mente varias ideas, tales como as expresadas polas palabras brancura, dureza, dozura, pensar, moción, home, elefante, exército, ebriedade e outras. Resulta, entón, que o primeiro que debe descubrirse é como chega a telas. Xa sei que é doutrina recibida que os homes teñen ideas innatas e certos caracteres orixinarios impresos na mente a partir do primeiro momento de seu ser. Semellante opinión xa a examinei anteriormente con detención, e supoño que canto dixen no libro anterior será moito máis facilmente admitido unha vez que mostre de onde pode tomar o entendemento todas as ideas que ten, e por que vías e graos poden penetrar na mente, para o cal invocarei a observación e a experiencia de cada quen.

§ 2. Todas as ideas veñen da sensación ou da reflexión. Supoñamos, entón, que a mente sexa, como se di, un papel en branco, limpo de toda inscrición, sen ningunha idea. Como chega a telas? De onde se fornece a mente con ese prodixioso cúmulo, que a activa e ilimitada imaxinación do home pintou nela, nunha variedade case infinita? De onde saca todo ese material da razón e do coñecemento? A isto contesto cunha soa palabra: da experiencia; velaí o fundamento de todo o noso coñecemento, e de alí é de onde en última instancia se deriva. As observacións que facemos acerca dos obxectos sensíbeis externos ou acerca das operacións internas da nosa mente, que percibimos, e sobre as cales reflexionamos nós mesmos, é o que fornece ao noso entendemento de todos os materiais do pensar. Esta son as dúas fontes do coñecemento de onde dimanan todas as ideas que temos ou que podamos naturalmente ter.

§ 3. Os obxectos da sensación, unha das orixes das ideas. En primeiro lugar, os nosos sentidos, que teñen trato con obxectos sensíbeis particulares, transmiten respectivas e distintas percepcións de cousas á mente, segundo os variados modos nos que eses obxectos nos afectan, e é así como chegamos a posuír esas ideas que temos do amarelo, do branco, da calor, do frío, do brando, do duro, do amargo, do doce, e de todas aquelas que chamamos calidades sensíbeis. Cando digo que iso é o que os sentidos transmiten á mente, quero dicir que eles transmiten a partir dos obxectos externos á mente o que nela produce aquelas percepcións. A esta gran fonte que orixina o maior número das ideas que temos, posto que dependen totalmente dos nosos sentidos e deles son transmitidas ao entendemento, chámolle sensación.

§ 4. As operacións da nosa mente, a outra orixe das ideas. Pero, en segundo lugar, a outra fonte de onde a experiencia fornece de ideas ao entendemento é a percepción das operacións interiores da nosa propia mente ao estar ocupada nas ideas que ten; as cales operacións, cando a alma reflexiona sobre elas e as considera, fornecen ao entendemento doutra serie de ideas que non poderían derivarse de cousas externas: tales son as ideas de percepción, de pensar, de dubidar, de crer, de razoar, de coñecer, de querer e de todos as diferentes actividades das nosas propias mentes, das cales, posto que temos conciencia delas e podemos observalas en nós mesmos, recibimos no noso entendemento ideas tan distintas como recibimos dos corpos que afectan aos nosos sentidos. Esta fonte de ideas tena todo home en si mesmo, e aínda que non é un sentido, xa que non ten nada que ver con obxectos externos, con todo paréceselle moito e pode chamárselle con propiedade sentido interno. Pero, así como á outra chameille sensación, a esta chámoa reflexión, porque as ideas que ofrece son só aquelas que a mente consegue ao reflexionar sobre as súas propias operacións dentro de si mesma. Polo tanto, no que segue deste discurso, quero que se entenda por reflexión esa advertencia que fai a mente das súas propias operacións e dos modos delas, e en razón dos cales chega o entendemento a ter ideas acerca de tales operacións. Estas dúas fontes, digo, a saber: as cousas externas materiais, como obxectos de sensación, e as operacións internas da nosa propia mente, como obxectos de reflexión, son, para min, as únicas orixes de onde proceden todas as nosas ideas inicialmente. Aquí emprego o termo “operacións” nun sentido amplo para significar, non tan só as accións da mente respecto ás súas ideas, senón certas paixóns que ás veces xorden delas, tales como a satisfacción ou o desasosego que calquera idea poida provocar.

§ 5. Todas as as nosas ideas son ou de unha ou da outra clase. Paréceme que o entendemento non ten o menor albisque de ningunha idea que non sexa das que recibe dunhas desas dúas orixes. Os obxectos externos fornecen á mente de ideas de calidades sensíbeis, que son todas esas diferentes percepcións que producen en nós: e a mente fornece ao entendemento con ideas das súas propias operacións. Se facemos unha revisión completa de todas estas ideas e dos seus distintos modos, combinacións e relacións, veremos que conteñen toda a suma das nosas ideas, e que non temos nada na mente que non proceda dunha desas dúas vías. Examine calquera os seus propios pensamentos e fochique a fondo no seu propio entendemento, e que me diga, despois, se todas as ideas orixinais que ten alí non son das que corresponden a obxectos dos seus sentidos, ou a operacións da súa mente, consideradas como obxectos da súa reflexión. Por máis grande que se imaxine o cúmulo dos coñecementos aloxados alí, verá, se o considera con rigor, que na súa mente non hai máis ideas que as que foron impresas por conduto dunha desas dúas vías, aínda que, talvez, combinadas e ampliadas polo entendemento cunha variedade infinita, como veremos máis adiante.

J. Locke: "Ensaio sobre o entendemento humano", 1690