Fragmentos de obras de Kant


A "revolución copernicana" de Kant

Neste coñecido fragmento do prólogo da 2ª edición da "Crítica da razón pura" refírese Kant ao investimento, realizado por el nesa obra, das relacións que ata entón mantiveran o obxecto e o suxeito no coñecemento, investimento que compara coa revolución copernicana.

Prólogo da 2ª edición da "Crítica da razón pura"

A "revolución copernicana" de Kant

(...)

A metafísica, coñecemento especulativo da razón, completamente illado, que se ergue enteiramente por riba do que ensina a experiencia, con meros conceptos (non aplicándoos á intuición, como fan as matemáticas), onde, polo tanto, la razón ha de ser discípula de si mesma, non tivo ata agora a sorte de poder tomar o camiño seguro da ciencia. E iso a pesar de ser máis antiga que todas as demais e de que seguiría existindo aínda que estas desaparecesen totalmente no abismo dunha barbarie que o aniquilara todo. Efectivamente, na metafísica a razón atascase continuamente, incluso cando, estando fronte a leis que a experiencia máis ordinaria confirma, ela empéñase en coñecelas a priori. Hai que volver atrás na metafísica incontábeis veces, xa que se advirte que o camiño non conduce a onde se quere ir. Polo que fai á unanimidades do que os seus partidarios afirman, está aínda tan lonxe de ser un feito, que máis ben é un campo de batalla realmente destinado, disque, a exercitar as forzas propias nun combate onde ningún dos contendentes logrou xamais conquistar o máis pequeno terreo nin fundar sobre a súa vitoria unha posesión duradeira. Non hai, pois, dúbida de que o seu modo de proceder, consistiu, ata agora, soamente nun andar a tentas e, o que é peor, a base de simples conceptos.

A que se debe entón que a metafísica non atopara aínda o camiño seguro da ciencia? É acaso imposíbel? Por que, pois, a natureza castigou a nosa razón co afán incansábel de perseguir este camiño como unha das súas cuestións máis importantes? Máis aínda: que poucos motivos temos para confiar na razón se, ante un dos campos máis importantes da nosa ansia de saber, non só nos abandona, senón que nos entretén con pretextos vans e, ao final, engánanos! Talvez simplemente erramos o camiño ata hoxe. Se é así, que indicios nos farán esperar que, nunha renovada busca, seremos máis afortunados que outros que nos precederon?

Paréceme que os exemplos das matemáticas e das ciencias naturais, as cales convertéronse no que son agora grazas a unha revolución producida repentinamente, son suficientemente notábeis como para facer reflexionar sobre o aspecto esencial dun cambio de método que tan bos resultados proporcionou en ambas ciencias, así como tamén para imitalas, polo menos a título de ensaio, dentro do que permite a súa analoxía coa metafísica, en canto coñecementos de razón. Ata agora supúxose que todo o noso coñecer debería rexerse polos obxectos. Sen embargo, todos os intentos realizados baixo tal suposto con vistas a estabelecer a priori, mediante conceptos, algo sobre ditos obxectos -algo que ampliase o noso coñecemento- desembocaban no fracaso. Intentemos, pois, por unha vez, se non adiantaremos máis nas tarefas da metafísica supoñendo que os obxectos deben conformarse ao noso coñecemento, cousa que concorda xa mellor coa desexada posibilidade dun coñecemento a priori de ditos obxectos, un coñecemento que pretende estabelecer algo sobre eles antes de que nos sexan dados. Ocorre aquí como cos primeiros pensamentos de Copérnico. Este, vendo que non conseguía explicar os movementos celestes se aceptaba que todo o exército de estrelas xiraba arredor do espectador, probou se non obtería mellores resultados facendo xirar ao espectador e deixando as estrelas en repouso. No que atinxe á intuición dos obxectos, pódese facer na metafísica o mesmo ensaio. Se a intuición tivese que rexerse pola natureza dos obxectos, non vexo como podería coñecérense algo a priori sobre esa natureza. Se, en cambio, é o obxecto (en canto obxecto dos sentidos) o que se rexe pola natureza da nosa facultade de intuición, podo representarme facilmente tal posibilidade. Agora ben, como non podo pararme nestas intuicións, se se as quere converter en coñecementos, senón que debo referilas a algo como obxecto seu e determinar este mediante as mesmas, podo supoñer unha destas dúas cousas: ou ben os conceptos por medio dos cales efectúo esta determinación réxense tamén polo obxecto, e entón atópome, unha vez máis, co mesmo embarazo sobre a maneira de saber del algo a priori; ou ben supoño que os obxectos ou, o que é o mesmo, a experiencia, única fonte do seu coñecemento (en canto obxectos dados), réxese por tales conceptos. Neste segundo caso vexo en seguida unha explicación máis fácil, xa que a mesma experiencia constitúe un tipo de coñecemento que require entendemento e este posúe unhas regras que eu debo supoñer en min xa antes de que os obxectos me sexan dados, é dicir, regras a priori. Estas regras exprésanse en conceptos a priori aos que, polo tanto, se conforman necesariamente todos os obxectos da experiencia e cos que deben concordar. Polo que se refire aos obxectos que son simplemente pensados pola razón -e, ademais, como necesarios-, pero que non poden ser dados (polo menos tal como a razón os pensa) na experiencia, digamos que as tentativas para pensalos (pois, desde logo, ten que ser posíbel pensalos) proporcionarán unha magnífica pedra de toque do que consideramos o novo método do pensamento, a saber, que só coñecemos a priori das cousas o que nós mesmos poñemos nelas.

(...)

Immanuel Kant, "Crítica da razón pura ", 2ª ed., 1787