Xuízo - Glosario de filosofía

A | B | C | D | E | F | G | H | I | K | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | U | V | X | Y

Se unha palabra non se atopa no listado de termos amosado é que non está definida no glosario.

Xuízo
Do latín "iudicium". Por xuízo enténdese o acto mental polo que o entendemento afirma ou nega que algo posúa tal ou cal propiedade. Aos termos relacionados deste modo polo xuízo chámaselles suxeito e predicado, respectivamente, e ao termo co que se estabelece a relación denomínaselle "cópula". O xuízo exprésase mediante o enunciado ou proposición.

Aristóteles distingue nos xuízos a materia e a forma. A materia ou contido do xuízo son os conceptos que se relacionan; a forma é a relación que se estabelece entre eles a través do verbo ser. Aristóteles representa o suxeito do xuízo cun signo (S) e o predicado con outro (P) para intentar separar a materia da forma: así, a forma do xuízo "Xan é alto" representaríase como "S é P", e a forma do xuízo "Xan non é alto" como "S non é P".

Os xuízos clasifícanse en varios grupos, atendendo á cantidade (segundo a extensión do suxeito: universais, particulares, singulares), a calidade (segundo a calidade da cópula: afirmativos, negativos e indefinidos), a relación (segundo a relación entre o suxeito e o predicado: categóricos, hipotéticos e disxuntivos) e a modalidade (segundo o modo en que expresan a relación entre o suxeito e o predicado: apodícticos, asertóricos e problemáticos).