A análise: exercicios prácticos

Exercicio 1

Analiza o seguinte texto de J.L. Pinillos (o mesmo do exercicio 1 do resumo):

"O progreso da mente e a evolución da cultura"

"Certamente, o primitivo razoa dunha forma moi distinta a como facémolo nós, e, en moitos aspectos o seu pensamento é, sen dúbida, inferior ao noso, no sentido de que acepta máis facilmente, crenzas falsas e comete máis erros obxectivos. Pero isto, en rigor, non constitúe unha cuestión exclusivamente psicolóxica. En rigor, o problema da avaliación da mente humana é inseparábel do da evolución da cultura. Evidentemente os razoamentos primitivos resultan pre-lóxicos para quen os axuizan a partir dun nivel cultural como o noso; pero son bastante lóxicos se se axuizan a partir da situación cultural na que se exercen. De feito, se a uns nenos do noso mundo se situáselles a partir dos primeiros meses da vida nunha comunidade primitiva, acabarían por razoar dunha maneira moi semellante á descrita; e, ao revés, un neno primitivo incorporado a partir do comezo da súa vida á nosa civilización acabaría por razoar como calquera de nós.

O que se deduce, pois, de todo isto é que a "mente" e o seu nivel constitúen o resultado dunha longa evolución, biolóxica primeiro e cultural despois. A mente humana non pode explicarse só a partir duns principios anímicos e unhas facultades que despregan as súas potencialidades en abstracto; a mente humana ha de explicarse tamén como resultado dunha interacción social e da participación de cada individuo nunha cultura que é transpersoal."

J.L. Pinillos, "La mente humana", (p.41), Salvat ed., Madrid, 1969

Proposta de solución:

(Imos insistir preferentemente na distinción dos contidos: falta mellorar, como verás, a explicación dos contidos e a análise da estrutura argumentativa, que podes completar segundo as instrucións recibidas)

Con este texto José Luis Pinillos pretende recalcar a decisiva importancia dos factores culturais na explicación da mente humana e os seus distintos niveis de desenvolvemento ata o punto de afirmar que sen contar con eles o noso coñecemento da mente restaría parcial e incompleto. Podemos distinguir dúas partes na argumentación de Pinillos:

Na primeira delas, que coincide co primeiro parágrafo, constata o autor, en primeiro lugar, a existencia de distintas formas de razoar entre os individuos de culturas primitivas e actuais (liñas 1-4); a seguir, suxire o desaxeitado de explicar tales diferencias baseándose exclusivamente en factores psicolóxicos, xa que o problema da evolución da mente humana parece inseparábel do da evolución da cultura (liñas 4-10). A importancia dos factores culturais vén subliñada por un exemplo co que termina a primeira parte da súa exposición (liñas 10-15). Nesta primeira parte J.L. Pinillos preséntanos, pois, as premisas nas que baseará as súas conclusións.

Na segunda parte, que se desenvolve no segundo parágrafo, preséntanos a consecuencia que se segue dos seus anteriores afirmacións: se queremos obter unha explicación correcta da mente humana e dos seus niveis de desenvolvemento debemos explicar non só os factores biolóxicos, senón tamén os factores culturais que acompañan a súa evolución (Liñas 15-20).