Louis Althusser


Louis Althusser

Fragmentos e Textos (3)

A FILOSOFÍA, ARMA DA REVOLUCIÓN

(…) Unha soa expresión resume a función mestra da práctica filosófica: “trazar unha liña de demarcación” entre as ideas verdadeiras e as ideas falsas. É unha expresión de Lenin.

Pero a mesma expresión resume unha das operacións esenciais na dirección da práctica da loita de clases: “trazar unha liña de demarcación” entre as clases antagonistas. Entre os nosos amigos de clase e os nosos inimigos.

É a mesma expresión. Unha liña teórica de demarcación entre ideas verdadeiras e ideas falsas. Unha liña política de demarcación entre o pobo (o proletariado e os seus aliados) e os inimigos do pobo.

A filosofía representa a loita de clase do pobo na teoría. Por outra parte, axuda ao pobo a distinguir na teoría e en todas as ideas (políticas, éticas, estéticas, etc.) entre ideas verdadeiras e ideas falsas. En principio, as ideas verdadeiras sempre serven ao pobo; as ideas falsas sempre serven aos inimigos do pobo.

Por que a filosofía loita por palabras? As realidades da loita de clases son “representadas” por “ideas” que son pola súa vez “representadas” por palabras. No razoamento científico e filosófico, as palabras (conceptos, categorías) son “instrumentos” de coñecemento. Pero na loita política, ideolóxica e filosófica, as palabras son tamén armas, explosivos, tranquilizantes ou velenos. Ocasionalmente, a totalidade da loita de clases pode ser resumida na loita dunha palabra contra outra palabra. Certas palabras loitan entre si como inimigas. Outras palabras son a sede dunha ambigüidade: a que está en xogo nunha batalla decisiva pero aínda non decidida.

Por exemplo: os comunistas loitan pola supresión das clases e por unha sociedade comunista, na que un día, todos os homes serán libres e irmáns. Sen embargo, toda a tradición clásica marxista rexeitou dicir que o marxismo é un humanismo. Por que? Porque na práctica, isto é, nos feitos, a palabra humanismo é explotada por unha ideoloxía que a usa para loitar, isto é, para matar, outra expresión verdadeira e vital para o proletariado: a loita de clases.

Por exemplo: os revolucionarios saben que, en última instancia, todo depende non das técnicas, armas, etc. senón dos militantes, da súa conciencia da clase, da súa dedicación e da súa coraxe. Sen embargo, toda a tradición marxista rexeitou dicir que é “o home” quen fai a historia. Por que? Porque na práctica, isto é, nos feitos, esta expresión é explotada pola ideoloxía burguesa para loitar, isto é, para matar outra expresión verdadeira e vital para o proletariado: son as masas as que fan a historia.

Ao mesmo tempo, a filosofía, incluso nas súas obras máis extensas onde é máis abstracta e difícil, loita por palabras: contra palabras mentireiras, contra palabras ambiguas; a favor das palabras correctas: combate por “matices de opinión”.

Lenin dicía: “Só os miopes poden considerar irrelevantes e superfluas as loitas entre fraccións e a diferenciación entre matices nas opinións. O destino da socialdemocracia rusa por longos anos por vir, pode depender da consolidación de tal ou cal matiz” (¿Que facer?)

A loita filosófica por palabras é unha parte da loita política. A filosofía marxista-leninista só pode realizar o seu traballo teórico, abstracto, rigoroso e sistemático a condición de que loite tanto por palabras moi “eruditas” (concepto, teoría, dialéctica, alienación, etc.) como por palabras moi simples (home, masas, pobo, loita de clases).

Febreiro, 1968