Louis Althusser


Louis Althusser

Fragmentos e Textos (1)

A ideoloxía interpela aos individuos como suxeitos

Esta tese vén simplemente a explicitar a nosa última proposición: a ideoloxía só existe polo suxeito e para os suxeitos. Ou sexa: só existe ideoloxía para os suxeitos concretos e este destino da ideoloxía é posíbel soamente polo suxeito: é dicir pola categoría de suxeito e o seu funcionamento.

Con isto queremos dicir que aínda cando non aparece baixo esta denominación (o suxeito) ata o desenvolvemento da ideoloxía burguesa, ante todo co desenvolvemento da ideoloxía xurídica, a categoría de suxeito (que pode funcionar baixo outras denominacións: por exemplo, en Platón, a alma, Deus, etc.) é a categoría constitutiva de toda ideoloxía, calquera que sexa a súa data histórica, xa que a ideoloxía non ten historia.

Dicimos que a categoría de suxeito é constitutiva de toda ideoloxía, pero agregamos deseguida que a categoría de suxeito é constitutiva de toda ideoloxía só en tanto toda ideoloxía ten por función (función que a define) a “constitución” dos individuos concretos en suxeitos. O funcionamento de toda ideoloxía existe nese xogo de dobre constitución, xa que a ideoloxía non é nada máis que o seu funcionamento nas formas materiais da existencia dese funcionamento.

Para comprender claramente o que segue é necesario ter presente que tanto o autor destas liñas como o lector que as le son suxeitos e, polo tanto, suxeitos ideolóxicos (proposición tautolóxica), é dicir que tanto o autor como o lector destas liñas viven “espontaneamente” ou “naturalmente” na ideoloxía, no sentido no que dixemos que “o home é por natureza un animal ideolóxico”.

Que o autor, ao escribir as liñas dun discurso que pretende ser científico, estea completamente ausente, como “suxeito”, do seu “discurso” científico (pois todo discurso científico é por definición un discurso sen suxeito e só hai “suxeito da ciencia” nunha ideoloxía da ciencia), é outra cuestión, que polo momento deixaremos de lado.

Tal como dixo admirablemente San Paulo, é no “Logos” (entendamos, na ideoloxía) onde temos “o ser, o movemento e a vida”. De aí resulta que, tanto para vostedes como para min, a categoría de suxeito é unha “evidencia” primeira (as evidencias son sempre primeiras): está claro que vostedes e eu somos suxeitos (libres, morais, etc.) como todas as evidencias, incluso aquelas polas cales unha palabra “designa unha cousa” ou “posúe unha significación” (incluíndo polo tanto as evidencias da “transparencia” da linguaxe), esta “evidencia” de que vostedes e eu somos suxeitos —e o que isto non constitúa un problema— é un efecto ideolóxico, o efecto ideolóxico elemental. En efecto, é propio da ideoloxía impoñer (sen parecelo, xa que son “evidencias”) as evidencias como evidencias que non podemos deixar de recoñecer, e diante das cales temos a inevitábel e natural reacción de exclamar (en voz alta ou no “silencio da conciencia”): “¡É evidente! ¡Iso é! ¡É moi certo!”

Nesta reacción exércese a función de recoñecemento ideolóxico que é unha das dúas funcións da ideoloxía como tal (o seu contrario é a función de descoñecemento).

Tomemos un exemplo moi “concreto”: todos temos amigos que cando chaman á nosa porta e nós preguntamos “¿quen é?” a través da porta pechada, responden (pois é “evidente”) “¡Son eu!” De feito, nós recoñecemos que “é ela” ou “é el”, abrimos a porta, e “é certo que é ela quen está alí”. Para tomar outro exemplo, cando recoñecemos na rúa a alguén do noso coñecemento, mostrámoslle que o recoñecemos (e que recoñecemos que nos recoñeceu) dicíndolle “¡Bo día, querido amigo!” e estreitándolle a man (práctica material ritual de recoñecemento ideolóxico da vida diaria, polo menos en Francia; outros rituais noutros lugares).

Con esta advertencia previa e as súas ilustracións concretas, desexo soamente destacar que vostedes e eu somos sempre xa suxeitos que, como tales, practicamos sen interrupción os rituais do recoñecemento ideolóxico que nos garanten que somos realmente suxeitos concretos, individuais, inconfundíbeis e (naturalmente) insubstituíbeis. A escritura á cal eu procedo actualmente e a lectura á cal vostedes se adican actualmente son, tamén elas, desde este punto de vista, rituais de recoñecemento ideolóxico, incluída a “evidencia” con que poida impoñérselles a vostedes a “verdade” das miñas reflexións ou a súa “falsidade”.

Pero recoñecer que somos suxeitos, e que funcionamos nos rituais prácticos da vida cotiá máis elemental (o apertón de mans, o feito de chamalo a vostede polo seu nome, o feito de saber, aínda cando o ignore, que vostede “ten” un nome propio que o fai recoñecer como suxeito único, etc.), tal recoñecemento dános soamente a “conciencia” da nosa práctica interesante (eterna) do recoñecemento ideolóxico —a súa conciencia, é dicir o seu recoñecemento—, pero non nos dá en absoluto o coñecemento (científico) do mecanismo deste recoñecemento. Agora ben, neste coñecemento hai que ir parar, se se quere, mentres se fale na ideoloxía e dende o seo da ideoloxía, esbozar un discurso que intente romper coa ideoloxía para atreverse a ser o comezo dun discurso científico (sen suxeito) sobre a ideoloxía.

Entón, para representar por que a categoría de suxeito é constitutiva da ideoloxía, a cal só existe ao constituír aos suxeitos concretos en suxeitos, vou empregar un modo de exposición especial, o bastante “concreto” como para que sexa recoñecido, pero suficientemente abstracto como para que sexa pensábel e pensado dando lugar a un coñecemento.

Diría nunha primeira fórmula: toda ideoloxía interpela aos individuos concretos como suxeitos concretos, polo funcionamento da categoría de suxeito.

Velaquí unha proposición que implica que polo momento distinguimos os individuos concretos por unha parte e os suxeitos concretos pola outra, a pesar de que, neste nivel, non hai suxeito concreto se non está sostido por un individuo concreto.

Suxerimos entón que a ideoloxía “actúa” ou “funciona” de tal modo que “recruta” suxeitos entre os individuos (recrútaos a todos), ou “transforma” aos individuos en suxeitos (transfórmaos a todos) por medio de esta operación moi precisa que chamamos interpelación, e que se pode representar coa máis trivial e corrente interpelación, policial (ou non) “¡Eh, vostede, oia!”.

Se supoñemos que a hipotética escena ocorre na rúa, o individuo interpelado vólvese. Por este simple xiro físico de 180 graos convértese en suxeito. Por que? Porque recoñeceu que a interpelación dirixíase “precisamente” a el e que “era precisamente el quen fora interpelado” (e non outro). A experiencia demostra que as telecomunicacións prácticas da interpelación son tales que a interpelación sempre acada ao home buscado: trátese dun chamado verbal ou dun toque de silbato, o interpelado recoñece sempre que era precisamente el a quen se interpelaba. Non deixa de ser este un fenómeno estraño que non só se explica polo sentimento de culpabilidade”, pese ao gran número de persoas que “teñen algo que reprocharse”.

Naturalmente, para comodidade e claridade da exposición do noso pequeno teatro teórico, tivemos que presentar as cousas baixo a forma dunha secuencia, cun antes e un despois, polo tanto baixo a forma dunha sucesión temporal. Hai individuos que se pasean. En algures (xeralmente aos seus lombos) resoa a interpelación: “¡Eh, vostede, oia!”. Un individuo (no 90% dos casos aquel a quen vai dirixida) vólvese, crendo -supoñendo- sabendo que se trata del, recoñecendo pois que “é precisamente a el” a quen apunta a interpelación. En realidade as cousas ocorren sen ningunha sucesión. A existencia da ideoloxía e a interpelación dos individuos como suxeitos son unha soa e mesma cousa.

Podemos agregar que o que parece acontecer así fóra da ideoloxía (con máis exactitude na rúa) pasa en realidade na ideoloxía. O que acontece en realidade na ideoloxía parece polo tanto que acontece fóra dela. Por iso aqueles que están na ideoloxía créense por definición fóra dela; un dos efectos da ideoloxía é a negación práctica pola ideoloxía do carácter ideolóxico da ideoloxía: a ideoloxía non di nunca “son ideolóxica”. É necesario estar fóra da ideoloxía, é dicir no coñecemento científico, para poder dicir: eu estou na ideoloxía (caso realmente excepcional) ou (caso xeral): eu estaba na ideoloxía. Sábese perfectamente que a acusación de estar na ideoloxía só vale para os outros, nunca para si (a menos que se sexa realmente spinozista ou marxista, o cal respecto deste punto equivale a ter exactamente a mesma posición). Isto quere dicir que a ideoloxía non ten “fóra” (para ela), pero ao mesmo tempo que non é máis que “fóra” (para a ciencia e a realidade).

Isto explicouno perfectamente Spinoza douscentos anos antes que Marx, quen o practicou sen explicalo en detalle. Pero deixemos este punto pletórico de consecuencias non só teóricas senón directamente políticas, xa que del depende, por exemplo, toda a teoría da crítica e da autocrítica, regra de ouro da práctica da loita de clases marxista-leninista.

A ideoloxía interpela, polo tanto, aos individuos como suxeitos. Dado que a ideoloxía é eterna, debemos agora suprimir a forma de temporalidade coa que representamos o funcionamento da ideoloxía e dicir: a ideoloxía “sempre-xa” interpelou aos individuos como suxeitos; isto equivale a determinar que os individuos son “sempre-xa” interpelados pola ideoloxía como suxeitos, o cal necesariamente nos leva a unha última proposición: os individuos son “sempre-xa” suxeitos. Polo tanto os individuos son “abstractos” respecto dos suxeitos que eles mesmos son “sempre-xa”. Esta proposición pode parecer un paradoxo.

Sen embargo, o feito de que un individuo sexa “sempre-xa” suxeito, aínda antes de nacer, é a simple realidade, accesíbel a calquera e en absoluto paradoxal. Freud demostrou que os individuos son sempre “abstractos” respecto dos suxeitos que eles mesmos son “sempre-xa”, salientando simplemente o ritual que rodeaba á espera dun “nacemento”, ese “feliz acontecemento”. Calquera sabe canto e como se espera a un neno que vai nacer. O que equivale a dicir máis prosaicamente, se convimos en deixar de lado os “sentimentos”, é dicir as formas da ideoloxía familiar, paternal/ maternal/ conxugal/ fraternal, nas que se espera o neno por nacer: sábese de antemán que levará o Apelido do seu Pai.

Terá pois unha identidade e será insubstituíbel. Xa antes de nacer o neno é polo tanto “sempre-xa” suxeito, está destinado a selo en e pola configuración ideolóxica familiar específica na cal é “esperado” despois de que fora concibido. É inútil dicir que esta configuración ideolóxica familiar está na súa unicidade fortemente estruturada e que nesta estrutura implacábel máis ou menos “patolóxica” (supoñendo que este termo teña un sentido asinábel), o antigo futuro-suxeito debe “atopar” “o seu” lugar, é dicir “devir” o suxeito sexual (home ou muller) que xa é por anticipado. É evidente que esta suxeición e pre-asignación ideolóxica e todos os rituais da crianza e da educación familiares teñen algunha relación co que Freud estudou nas formas das “etapas” pre-xenitais e xenitais da sexualidade, polo tanto na “toma” do que Freud sinalou, polos seus efectos, como o Inconsciente. Pero deixemos tamén este punto.

Avancemos outro paso. O que vai reter agora a nosa atención é a forma na que os “actores” desta posta en escena da interpelación e os seus roles específicos son reflectidos na estrutura mesma de toda ideoloxía...

(L. Althusser, "Ideoloxías e Aparellos Ideolóxicos de Estado", Xaneiro de 1969)