Anaxágoras de Clazomene

Anaxágoras de Clazomene

(- 500 a - 428)

Fragmentos de Anaxágoras

1. - Todas as cousas estaban xuntas, infinitas en número e en pequenez. Pois o infinitamente pequeno existía tamén. E entrementres as cousas estaban xuntas, ningunha podía ser distinguida por mor da súa pequenez. O aire e o éter ocupábano todo, sendo ambos infinitos; pois, en todas as cousas, son estas as que predominan polo número e o volume.

3.- Xa que, no que é pequeno, non hai un último grao de pequenez, senón que sempre hai algo máis pequeno. En efecto, non é posíbel que o que é deixe de ser, (no que fai á división). Igualmente, en relación co grande, sempre hai algo máis grande e é igual ao pequeno en cantidade e, por relación a ela mesma, cada cousa é á vez pequena e grande.

4.- Posto que é así, temos que pensar que, en todos os compostos, hai partes numerosas e de todas clases, sementes de todas as cousas, presentando formas, cores e sabores de todo tipo. Os homes formáronse da reunión desas partes, así como todos os seres vivos que teñen alma. Eses homes teñen cidades nas que viven e campos cultivados como nós; teñen o Sol, a Lúa e todo o resto como nós; a terra proporciónalles recursos numerosos e de todo tipo; e levan as súas casas, para utilizalo, o que lles resulta máis vantaxoso para vivir. A miña opinión sobre esta separación é que se produciu non soamente entre nós, senón tamén por todas partes. Antes desta separación, cando todas as cousas estaban aínda unidas, ningún cor, for o que fóra, se mostraba. O que lle impedía percibilo, era a mestura de todo, do húmido co seco, do quente e o frío, do luminoso e o sombrío. Ademais unha gran cantidade de terra estaba alí contida, e sementes en cantidade infinita e sen semellanza dunhas coas outras. Nestas condicións hai que admitir que no todo todas as cousas coexistían.

6.- E posto que hai, na pluralidade, igualdade na división do grande e do pequeno, pode haber tamén de todo en todo. Pero non é posíbel que algo sexa illado e todas as cousas teñen a súa parte de todo. Dende o momento en que non pode haber un último grao de pequenez, as cousas non poden estar separadas nin vir á existencia. É necesario que sexan agora como eran ao principio, cando estaban todas xuntas. En todas as cousas hai, pois, pluralidade e, ao tempo no máis grande e no máis pequeno, igualdade na pluralidade de cousas separadas.

12.- As outras cousas teñen unha parte do todo; pero o Nous é infinito, autónomo e non se mestura con nada; só el é si mesmo e por si mesmo, pois, se non fose por si mesmo e se estivese mesturado con calquera outra cousa, participaría de todas as cousas na medida que estivese mesturado cunha delas. Pois, en todo, hai unha parte do todo, como dixemos anteriormente. E o que estivese mesturado ao Nous impediríalle ter poder sobre cada cousa, como o ten agora estando só por si mesmo. De todas as cousas é a máis lixeira e a máis pura; posúe todo tipo de coñecemento e a forza máis grande...