Banner de la cabecera
ComezoA Filosofía no Bacharelato
Elixir idioma: Español | Galego
Favoritos e compartir na rede


Anaxágoras de Clazomene

Anaxágoras de Clazomene

(- 500 a - 428)

Vida e obras

Biografía

Anaxágoras naceu en Clazomene, no Asia Menor, cara ao ano 500 antes de Cristo, vivindo a súa mocidade nunha época, pois, na que Clazomene fora sometida ao imperio persa, trala represión da revolta Xonia. Posteriormente trasladouse a Atenas, cidade na que residiría a maior parte da súa vida, sendo mestre, e posteriormente amigo, de Pericles, entre outros atenienses ilustres. Precisamente esa amizade supúxolle ser acusado de impiedade polos inimigos de Pericles e viuse obrigado a abandonar Atenas, refuxiándose en Lámpsaco, unha das colonias de Mileto en Xonia. Dióxenes Laercio dinos, na súa "Vida de filósofos ilustres", que "respecto á súa condena hai varias opinións, pois Soción, nas "Sucesións dos filósofos", di que Cleón acusouno de impiedade, por dicir que o sol é unha masa de ferro aceso, pero que o defendeu Pericles, o seu discípulo, e só foi condenado a pagar cinco talentos e saír desterrado. Sátiro escribe nas súas "Vidas" que foi Tucídides quen o acusou, por ser este contrario ás resolucións de Pericles na administración da República. Que non só o acusou de impiedade, senón tamén de traizón, e que ausente, foi condenado a morte. Cando lle notificaron a súa condena e a morte dos seus fillos, respondeu ao primeiro que facía moito tempo que a natureza condenara a morte tanto aos seus acusadores como a el. E ao segundo, que sabía que os xerara mortais. Algúns atribúen isto a Solón; outros, a Xenofonte."

Pensamento

1.

Anaxágoras expuxo as súas doutrinas filosóficas nun libro do que apenas nos chegaron algúns fragmentos. Aristóteles, na Metafísica, 1, 3, dinos que "Anaxágoras de Clazomene, primoxénito de Empédocles, non logrou expoñer un sistema tan recomendábel. Pretende que o número dos principios é infinito. Case todas as cousas formadas de partes semellantes, non están suxeitas, como se ve na auga e no lume, a outra produción nin a outra destrución que a agregación ou a separación; noutros termos, non nacen nin perecen, senón que subsisten eternamente". E máis adiante (Metafísica,1,7) dinos "segundo Anaxágoras, todo está mesturado, agás a intelixencia; a intelixencia só existe pura e sen mestura. Resulta de aquí, que Anaxágoras admite como principios: primeiro, a unidade, porque é o que aparece puro e sen mestura; e despois outro elemento, o indeterminado antes de toda determinación, antes de que recibira forma algunha."

2.

Do mesmo xeito que Empédocles, Anaxágoras enfrontarase ao problema de explica-lo cambio admitindo a permanencia do ser, tal como se desprende dos postulados parmenídeos. O ser non pode xerarse nin corromperse; non pode haber propiamente falando nacemento nin destrución, senón simplemente mestura ou separación das cousas que existen. A solución de Anaxágoras será tamén unha solución pluralista, ao estilo da de Empédocles. Pero, a diferenza de este, en lugar de catro elementos afirmará a existencia dun número infinito deles, cada un posuíndo as características do ser parmenídeo é dicir, a eternidade, a inmutabilidade.

3.

Estes elementos orixinarios, ou "sementes", como lles chama Anaxágoras, distínguense uns doutros cualitativamente. A mestura destas sementes é o que constitúe os obxectos da experiencia como tales; cando nun obxecto predomina un tipo determinado de sementes atribuímoslle ao obxecto as propriedades das partículas predominantes, xa que, nos obxectos da experiencia, "hai partículas de todas as cousas". Iso explicaría a transformación dunhas cousas noutras: se os vexetais que nós inxerimos se converten en carne é preciso que haxa carne (partículas ou sementes de carne) nos vexetais. Nese sentido debería entenderse a afirmación de que hai porcións de todo en todas as cousas. Así, nun anaco de ouro hai partículas de todas as demais cousas, pero predominan as partículas de ouro, polo que lle chamamos simplemente ouro.

4.

Como se produce esa agregación e esa separación das sementes? Aquí recorre Anaxágoras a un elemento novo na especulación filosófica: o Nous ou intelixencia. O movemento das partículas ou sementes estaría sometido á intelixencia; sen embargo, o papel da intelixencia queda reducido ao de causa inicial do movemento que, unha vez producido, segue actuando por si mesmo sometido a causas exclusivamente mecánicas. As partículas son sometidas polo Nous a un movemento de remuíño que será a causa da constitución de todas as cousas tal como nós as coñecemos.

5.

Este Nous, Mente ou intelixencia, concibiuno Anaxágoras como algo infinito e autónomo, como algo distinto e separado das sementes e de todas as as demais cousas que existen, chamándolle "a máis fina e pura de todas as cousas, posuidora de todo o saber sobre calquera asunto e do maior poder". Tamén o concibe como ocupando un espazo, polo que parece que Anaxágoras mantén unha concepción material do Nous ou Mente, formado da materia máis pura e máis sutil, pero lonxe aínda dunha concepción inmaterial ou incorpórea do ser. Así e todo considéraselle como o primeiro que introduce o recurso a un principio espiritual ou intelectual, aínda que, segundo as queixas expresadas por Aristóteles na "Metafísica", recorra a el só cando a explicación por causas materiais lle resultaba imposíbel.

 

| Páxina seguinte |

 

Vida e obras de Anaxágoras de Clazomene


Historia da filosofía

Acceso por Seccións

Outras seccións

Características do sitio

Logo do sitio, unha curuxa, con ligazón de volta ao comezo do sitio   |  Quen somos  |  Regras de uso   |  Escríbenos  |  ©2001-2009 webdianoia.com  xhtml 1.0