(- 460 a - 370)
Demócrito naceu en Abdera no ano 460 antes de Cristo. Atribúenselle numerosas viaxes, a Exipto e á India, entre outros lugares, adquirindo no curso delas coñecementos de teoloxía, astroloxía, xeometría, etcétera. Tamén se se di que estivo en Atenas escoitando as leccións de Sócrates ou de Anaxágoras, segundo recolle Dióxenes Laercio: "parece, di Demetrio, que tamén pasou a Atenas, e que por desestima da súa propia gloria non se coidou de ser coñecido; e aínda que el coñeceu a Sócrates, Sócrates non o coñeceu el. Fun -di- a Atenas, e ninguén me coñeceu."; tamén se di que foi discípulo de Leucipo, a quen se lle atribúe a creación do atomismo, doutrina defendida por Demócrito. (Sobre a existencia mesma de Leucipo hai quen chegaron a poñela en dúbida, apoiándose, xa no descoñecemento practicamente total que temos del, xa en afirmacións como as de Epicuro, quen negaba a súa existencia).
Polo que fai ao seu pensamento parece que foi un home adicado enteiramente ao estudo e que tivo unha produción abundante. Á igual que Empédocles e Anaxágoras a filosofía de Demócrito estará inspirada pola necesidade de conxugar a permanencia do ser coa explicación do cambio, adoptando unha solución estruturalmente idéntica: o que chamamos xeración e corrupción non é máis que mestura e separación dos elementos orixinarios, que posúen as características de inmutabilidade e eternidade do ser parmenídeo. Estes elementos orixinarios serán concibidos como entidades materiais, infinitamente pequenas e, polo tanto, imperceptíbeis para os sentidos, e de carácter estritamente cuantitativo, as que Demócrito chamará átomos (termo grego que significa "indivisíbeis" ) pola súa calidade de ser partículas indivisíbeis.
"Algúns filósofos antigos creron que o que é debe ser necesariamente un e inmóbil, xa que sendo o baleiro non-ente, non podería existir o movemento sen un baleiro separado (da materia) nin existir unha pluralidade de cousas sen algo que as separe. [...] Pero Leucipo creu ter unha teoría que concordando coa percepción dos sentidos non facía desaparecer o nacemento, a corrupción, o movemento nin a pluralidade de seres".
(Aristóteles, "Sobre a xeración e a corrupción", I,8,325a)
"Leucipo e o seu compañeiro Demócrito sostiveron que os elementos son "o cheo " e o "baleiro", aos cales chamaron "ser" e "non ser", respectivamente. O ser é cheo e sólido; o non-ser é baleiro e sutil. Como o baleiro existe non menos que o corpo, séguese que o non-ser existe non menos que o ser. Xuntos os dous constitúen as causas materiais das cousas existentes."
(Aristóteles, Metafísica,I,4, 985b).
| Páxina seguinte |