Banner de la cabecera
ComezoA Filosofía no Bacharelato
Elixir idioma: Español | Galego
Favoritos e compartir na rede


Sócrates


Sócrates

(- 470 a - 399)

Vida e obras

Biografía

1.

Sócrates naceu en Atenas o ano 470 a. c. dunha familia, disque, da clase media. O seu pai era escultor e a súa nai comadroa, o que deu lugar a algunha comparación entre o oficio da súa nai e a actividade filosófica de Sócrates. Os primeiros anos da vida de Sócrates coinciden, pois, co período de esplendor da sofística en Atenas.

2.

O interese da reflexión filosófica centrábase entón ao redor do ser humano e a sociedade, abandonando o predominio do interese polo estudo da natureza. Probabelmente Sócrates iníciase na filosofía estudando os sistemas de Empédocles, Dióxenes de Apolonia e Anaxágoras, entre outros. Pero pronto orientou as súas investigacións cara os temas máis propios da sofística.

Pensamento

1.

Sócrates non escribiu nada e, malia ter numerosos seguidores, nunca creou unha escola filosófica. As chamadas escolas socráticas foron iniciativa dos seus seguidores. Acerca da súa actividade filosófica chegáronnos diversos testemuños, contraditorios entre eles, como os de Xenofonte, Aristófanes ou Platón, que suscitan o chamado problema socrático, é dicir a fixación da auténtica personalidade de Sócrates e do contido das súas ensinanzas. Se creemos a Xenofonte, a Sócrates interesáballe fundamentalmente a formación de homes de ben, co que a súa actividade filosófica quedaría reducida á dun moralista práctico: o interese polas cuestións lóxicas ou metafísicas sería algo completamente alleo a Sócrates. Pouco rigoroso considérase o retrato que fai Aristófanes de Sócrates en "As nubes", onde aparece como un sofista xocoso e burlesco, opinión que non merece maior consideración.

2.

Máis problemas expón a interpretación do Sócrates platónico: responden as teorías postas en boca de Sócrates nos diálogos platónicos ao personaxe histórico, ou ao pensamento de Platón? A posición tradicional é que Platón puxo en boca de Sócrates as súas propias teorías en boa parte dos diálogos chamados de transición e nos de madurez, (como a teoría das Ideas, por exemplo), aceptándose que os diálogos de mocidade, onde non se atopas expostas esas teorías, reproducen o pensamento socrático. Esta posición veríase apoiada polos comentarios de Aristóteles sobre a relación entre Sócrates e Platón, quen afirma claramente que Sócrates non "separou" as Formas ou Ideas, o que nos ofrece bastante credibilidade, xa que Aristóteles permaneceu vinte anos na Academia.

3.

O rexeitamento do relativismo dos sofistas levou a Sócrates á busca da definición universal, que pretendía acadar mediante un método indutivo; probabelmente a busca da devandita definición universal non tiña unha intención puramente teórica, senón máis ben práctica. Temos aquí os elementos fundamentais do pensamento socrático.

4.

Os sofistas afirmaran o relativismo gnoseolóxico e moral. Sócrates criticará ese relativismo, convencido de que os exemplos concretos encerran un elemento común respecto ao cal eses exemplos teñen un significado. Se dicimos dun acto que é "bo" será porque temos algunha noción de "o que é" bo; se non tivésemos esa noción, nin sequera poderiamos dicir que é bo para nós pois, como o saberíamos? O mesmo ocorre no caso da virtude, da xustiza ou de calquera outro concepto moral. Para o relativismo estes conceptos non son susceptíbeis dunha definición universal: son o resultado dunha convención, o que fai que o xusto nunha cidade poida non selo noutra. Sócrates, polo contrario, está convencido de que o xusto ha de ser o mesmo en todas as cidades, e que a súa definición ha de valer universalmente. A busca da definición universal preséntase, pois, como a solución do problema moral e a superación do relativismo.

Dibujo de Sócrates na prisión, o día que tomou a cicuta

5.

Como proceder a esa busca? Sócrates desenvolve un método práctico baseado no diálogo, na conversa, a "dialéctica", no que a través do razoamento indutivo poderíase esperar acadar a definición universal dos termos obxecto de investigación. Dito método constaba de dúas fases: a ironía e a maiéutica. Na primeira fase o obxectivo fundamental é, a través da análise práctica de definicións concretas, recoñecer a nosa ignorancia, o noso descoñecemento da definición que estamos buscando. Só recoñecida a nosa ignorancia estamos en condicións de buscar a verdade. A segunda fase consistiría propiamente na busca desa verdade, desa definición universal, ese modelo de referencia para todos os nosos xuízos morais. A dialéctica socrática irá progresando desde definicións máis incompletas ou menos axeitadas a definicións máis completas ou máis axeitadas, ata acadar a definición universal. O certo é que nos diálogos socráticos de Platón non se chega nunca a acadar esa definición universal, polo que é posíbel que a dialéctica socrática puidese ser vista por algúns como algo irritante, desconcertante ou incluso humillante para aqueles cuxa ignorancia quedaba de manifesto, sen chegar realmente a acadar esa presunta definición universal que se buscaba.

6.

Esa verdade que se buscaba era de carácter teórico, pura especulación ou era de carácter práctico? Todo parece indicar que a intencionalidade de Sócrates era práctica: descubrir aquel coñecemento que servise para vivir, é dicir, determinar os verdadeiros valores a realizar. Neste sentido é chamada a ética socrática "intelectualista": o coñecemento búscase estritamente como un medio para a acción. De xeito que se coñecésemos o "Bo", non poderiamos deixar de actuar consonte el; a falta de virtude nas nosas accións será identificada pois coa ignorancia, e a virtude co saber.

7.

No ano 399, Sócrates, que se negara a colaborar co réxime dos Trinta Tiranos, viuse envolto nun xuízo en plena reinstauración da democracia baixo a dobre acusación de "non honrar aos deuses que honra a cidade" e "corromper á mocidade". Ao parecer dita acusación, formulada por Melitos, foi instigada por Anitos, un dos dirixentes da democracia restaurada. Condenado a morte por unha maioría de 60 ou 65 votos, negouse a marchar voluntariamente ao desterro ou a aceptar a evasión que lle preparaban os seus amigos, afirmando que tal proceder sería contrario ás leis da cidade, e aos seus principios. O día fixado bebeu a cicuta.

A influencia de Sócrates

Sócrates exercerá unha influencia directa no pensamento de Platón, pero tamén noutros filósofos que, en maior ou menor medida, foran discípulos seus, e que continuarán o seu pensamento en direccións distintas, e aínda contrapostas. Algúns deles fundaron escolas filosóficas coñecidas como as "escolas socráticas menores", como Euclides de Megara (fundador da escola de Megara), Fedón de Elis (escola de Elis), o ateniense Antístenes (escola cínica, á que pertenceu o coñecido Dióxenes de Sinope) e Aristipo de Cirene (escola cirenaica).

 

| Páxina seguinte |

 

 Vida e obra de Sócrates


Historia da filosofía

Acceso por Seccións

Outras seccións

Características do sitio

Logo do sitio, unha curuxa, con ligazón de volta ao comezo do sitio   |  Quen somos  |  Regras de uso   |  Escríbenos  |  ©2001-2009 webdianoia.com  xhtml 1.0