Banner de la cabecera
ComezoA Filosofía no Bacharelato
Elixir idioma: Español | Galego
Favoritos e compartir na rede


David Hume


David Hume

Biografía


David Hume (1711-1776)

1.

David Hume naceu en Edimburgo (Escocia) no ano 1711. Aínda que de familia acomodada, non o era o suficiente como para permitirlle a Hume que se puidera dedicar exclusivamente á filosofía, polo que o seu pai orientouno cara a carreira de avogado, á que chegou a dedicarse durante uns meses en Bristol. Non obstante, xa desde moi mozo Hume manifestaba, segundo as súas palabras, "unha aversión insuperábel para todo o que non fose a investigación filosófica e o saber en xeral", polo que abandonou o seu traballo e viaxou a Francia, onde permaneceu entre os anos 1734-1737, disposto a dedicarse exclusivamente á filosofía.

2.

Pazo de EdimburgoDeses anos data a composición da súa primeira obra, "Tratado sobre a natureza humana", redactada "durante o meu retiro en Francia -primeiro en Reims, pero principalmente na Flèche, Anjou", segundo nos conta na súa autobiografía. Lembremos que foi precisamente na Flèche onde estudara Descartes, o que deu motivo a certas especulacións sobre a intencionalidade deste retiro no mesmo lugar por parte de Hume. En 1737 regresa a Londres, dirixíndose posteriormente a Escocia, onde vivirá uns anos coa súa nai e o seu irmán. En 1739 publicará os dous primeiros volumes do "Tratado", ao que seguirá o terceiro en 1740. O pouco éxito acadado pola obra significou un duro golpe para Hume, que chega a dicir na súa autobiografía "xamais intento literario algún foi máis desgraciado que o meu Tratado da natureza humana". Non obstante, o éxito obtido posteriormente, en 1742, polos "Ensaios", fíxolle esquecer por completo o seu fracaso anterior, estimulándoo para reescribir o Tratado (obra que será publicada en 1748 co título: "Ensaios filosóficos sobre o entendemento humano"). En 1745 optou á cátedra de ética da Universidade de Edimburgo, praza que non obtivo probabelmente pola súa reputación de escéptico e ateo. Despois dun ano en Inglaterra, como titor privado do marqués de Annandale, foi convidado polo xeral St. Clair a unha expedición que, inicialmente dirixida contra Canadá, acabou cunha pequena incursión na costa francesa; posteriormente, en 1747, foi convidado polo mesmo xeral a acompañarlo como secretario nunha embaixada militar polas cortes de Viena e Turín. Estas últimas actividades permitíronlle mellorar a súa situación económica.

3.

En 1749 regresa a Escocia, onde volverá a pasar dous anos co seu irmán no seu casarío, publicando algunhas obras máis. En 1752 instalouse en Edimburgo onde foi nomeado bibliotecario da facultade de Dereito, dedicando a súa actividade filosófica máis ben a problemas históricos, sociais e políticos, como pon de manifesto as obras publicadas a partir de entón.

4.

En 1763 recibiu a invitación do conde de Hertford de acompañalo a París como secretario de embaixada. De primeiras rexeitou a invitación , pero Hume aceptouna ante a insistencia do conde, dirixíndose a París onde permanecerá ata 1766, participando nas actividades dos enciclopedistas e dos círculos ilustrados e iniciando amizade con algúns dos personaxes destacados da época, como Rousseau.

5.

Á súa volta a Londres foi nomeado "subsecretario de estado para o departamento setentrional", que se ocupaba dos asuntos diplomáticos cos países situados ao norte de Francia, cargo que non estaba remunerado e que desempeñou durante dous anos, ata 1769. Ese ano regresará a Edimburgo, continuando as súas actividades de estudo e investigación. Alí morrerá o 25 de agosto de 1776, escribindo previamente, o 18 de abril, unha breve autobiografía, coñecedor xa da súa pronta e inevitábel morte.

 

| Páxina anterior | | Páxina seguinte |

 

 A biografía de David Hume


Historia da filosofía

Acceso por Seccións

Outras seccións

Características do sitio

Logo do sitio, unha curuxa, con ligazón de volta ao comezo do sitio   |  Quen somos  |  Regras de uso   |  Escríbenos  |  ©2001-2009 webdianoia.com  xhtml 1.0