Ata agora supúxose que todo o noso coñecer debería rexerse polos obxectos. Sen embargo, todos os intentos realizados baixo tal suposto con vistas a estabelecer a priori, mediante conceptos, algo sobre ditos obxectos -algo que ampliase o noso coñecemento- desembocaban no fracaso. Intentemos, pois, por unha vez, se non adiantaremos máis nas tarefas da metafísica supoñendo que os obxectos deben conformarse ao noso coñecemento, cousa que concorda xa mellor coa desexada posibilidade dun coñecemento a priori de ditos obxectos, un coñecemento que pretende estabelecer algo sobre eles antes de que nos sexan dados. Ocorre aquí como cos primeiros pensamentos de Copérnico. Este, vendo que non conseguía explicar os movementos celestes se aceptaba que todo o exército de estrelas xiraba arredor do espectador, probou se non obtería mellores resultados facendo xirar ao espectador e deixando as estrelas en repouso.
Kant , "Crítica da razón pura"
Doutra parte, o concepto do traballo produtivo restrínxese. A produción capitalista non é xa produción de mercadorías, senón que é, substancialmente, produción de plusvalía. O obreiro non produce para si mesmo, senón para o capital. Por iso, agora, non abonda con que produza en termos xerais, senón que ha de producir concretamente plusvalía. Dentro do capitalismo, só é produtivo o obreiro que produce plusvalía para o capitalista ou que traballa por facer rendíbel o capital. Se se nos permite poñer un exemplo alleo á órbita da produción material, diremos que unha mestre de escola é obreiro produtivo se, ademais de moldear as cabezas dos nenos, moldea o seu propio traballo para enriquecer ao patrón. O feito de que este inverta o seu capital nunha fábrica de ensino, en vez de invertelo nunha fábrica de salchichas, non altera no máis mínimo os termos do problema. Polo tanto, o concepto do traballo produtivo non entraña simplemente unha relación entre a actividade e o efecto útil desta, entre o obreiro e o produto do seu traballo, senón que leva ademais implícita unha relación especificamente social e historicamente dada de produción, que converte ao albanel en instrumento directo de valorización do capital. Por iso o ser obreiro produtivo non é precisamente unha sorte, senón unha desgraza.
K. Marx, O Capital, 1, 5, XIV
Sitio de filosofía para estudantes de Secundaria, coa biografía, relación de obras, pensamento, exercicios, textos dos principais filósofos/as, e información sobre a Selectividade.
Última actualización: abril do 2010
Pero o que máis contento me daba deste método era que, con el, tiña a seguridade de empregar a miña razón en todo, se non perfectamente, polo menos o mellor que fose no meu poder. Sen contar con que, aplicándoo, sentía que o meu espírito íase afacendo aos poucos a concibir os obxectos con maior claridade e distinción e que, non suxeitadoo a ningunha materia particular, prometíame aplicalo con igual froito ás dificultades das outras ciencias, como o fixera coas da álxebra. Non por iso me atrevín a empezar logo a examinar todas as que se presentaban, pois iso mesmo sería contrario á orde que o método prescribe; pero advertindo que os principios das ciencias tiñan que estar todos tomados da filosofía, na que aínda non achaba ningún que fora certo, pensei que ante todo era preciso procurar estabelecer algúns desta clase e, sendo isto a cousa máis importante do mundo e na que son máis de temer a precipitación e a prevención, crín que non debía acometer a empresa antes de que chegase a máis madura idade que a de vinte e tres anos, que tiña entón, e de que dedicara moito tempo a prepararme, desarraigando do meu espírito todas as malas opinións as que lles dera entrada antes daquel tempo, facendo tamén provisión de experiencias varias, que fosen despois a materia dos meus razoamentos e, por último, exercitándome sen cesar no método que me prescribira, para afianzalo mellor no meu espírito.
Descartes, Discurso do método, 2ª parte