Logotipo de webdianoia.com |Comezo|A Filosofía no Bacharelato
Elixir idioma: Español | Galego
Engadir aos Favoritos e compartir na rede


A filosofía de Ortega y Gasset


José Ortega y Gasset

3. O raciovitalismo

A proposta racio-vitalista

1.

As posicións perspectivista e circunstancialista non as abandonará Ortega no seu período de madurez filosófica, coñecido co nome de raciovitalismo, senón que este pódese considerar máis ben como o desenvolvemento consecuente dos periodos anteriores. O raciovitalismo consiste basicamente no intento de conxugar a vida coa razón, superando criticamente as contradicións que se dan entre ambas, tal como se pode deducir dos excesos "irracionalistas" do vitalismo e dos excesos "antivitais" do racionalismo. Xa que logo, a crítica de ambas perspectivas filosóficas será unha das necesidades prioritarias de Ortega, coa finalidade de ver o que pode haber nelas de positivo e lograr esa complementariedade que as supere no raciovitalismo.

A residencia de estudantes de Madrid nos anos 20

2.

A análise orteguiana do vitalismo e do racionalismo realízase no artigo "Nin vitalismo nin racionalismo", publicado en 1924 na Revista de Occidente. Nel distingue Ortega varias acepcións do termo vitalismo, unhas pertencentes ao ámbito do biolóxico, e outras ao filosófico. Neste último distingue aínda 3 posicións distintas; en primeiro lugar, a de quen consideran que os procesos de coñecemento pódense reducir a procesos biolóxicos explicábeis, polo tanto, polos mesmos principios que estes, sen que sexa necesario recorrer a principios filosóficos especiais. En segundo lugar refírese ao vitalismo de H. Bergson, que sitúa nun segundo plano o papel da razón no coñecemento, privilexiando a intuición que se produce na vivencia interna das cousas, verdadeira fonte de coñecemento. En terceiro lugar, expón a súa propia posición: a razón dáse "na" vida, por así dicilo. O coñecemento será obra da razón, pero esta dáse “na vida” e está rodeada, polo tanto, de elementos non racionais, "limitada" por eles. Pero tales límites, lonxe de poñer a razón en segundo plano, manifestan o seu carácter imprescindíbel, xa que para pensalos é necesaria a razón mesma.

A residencia de estudantes de Madrid no 2006 (© webdianoia.com, 2006)

3.

Ese recoñecemento do papel da razón non o converte, sen embargo, nun racionalista. Nese mesmo artigo Ortega criticará o racionalismo, considerándoo como o resultado da absurda beatería dalgúns filósofos con respecto á razón, que acaban por concibir que esta non ten límites, terminando por pretender ir alén do que a razón permite acadar. Para Ortega, polo contrario, a razón, no seu afán por buscar a explicación do real, as súas causas, vaise atopando con moitos aspectos da realidade dos que non pode dar conta, que son "irracionais", o que pon de manifesto, precisamente, os seus propios límites. A consecuencia non é o rexeitamento da razón como instrumento do coñecemento, senón o rexeitamento da ilexítima pretensión da razón de coñecelo todo, da pretensión de que a realidade se mova de acordo cos ditados da razón, pretensión que os racionalistas converteron nunha fe que os levou a todo tipo de excesos. Dese xeito a razón quedará salva dos excesos dos racionalistas.

"O tema do noso tempo consiste en someter a razón á vitalidade, localizala dentro do biolóxico, supeditala ao espontáneo. Dentro de poucos anos parecerá absurdo que se esixa á vida poñerse ao servizo da cultura. A misión do tempo novo é precisamente converter a relación e mostrar que é a cultura, a razón, a arte, a ética quen han de servir á vida."

4.

O raciovitalismo tratará de conxugar os elementos positivos do vitalismo e do racionalismo, dando lugar á configuración dun novo pensamento, articulado en torno á noción de razón vital, do que podemos destacar os seguintes aspectos:

  • 1) En primeiro lugar, destácase a primacía ontolóxica do real con respecto ao coñecemento, o que vén a significar a primacía ontolóxica do vital, en canto a vida é o aspecto máis significativo da realidade. O pensamento dáse "despois", sendo secundario con respecto á realidade obxectiva. A razón, de lexisladora do real pasa a converterse en mera cronista dunha realidade á que debe someterse. Xa que o aspecto máis significativo da realidade é a vida, en canto realidade radical, esta converterase no obxecto primario da reflexión filosófica da razón, no punto de despegue de toda teoría.
  • 2) A vida da que fala Ortega non é a vida "biolóxica" senón que, en canto realidade radical, ha de cumprir determinadas condicións, que a distinguen dunha consideración puramente biolóxica do vital: é a vida de quen ten capacidade para dar conta dela, a vida persoal, de cada ser humano, está vida, a miña, a vida humana. É precisamente o pensamento o que nos capacita para comprender a vida e as súas circunstancias, dando sentido á acción humana, á particular forma de obrar do home no mundo, polo que o pensamento non pode considerarse como algo oposto e/ou alleo á vida.
  • 3) Vivir é "estar no mundo", pero nun mundo que non se pode identificar xa coa "natureza" dos antigos xa que ese "estar no mundo " supón o decatarse do vivido como tal; supón tamén un quefacer, unha ocupación, unha tarefa que se realiza en vistas a un fin, polo que vivir é necesariamente proxectar, decidir libremente o que queremos ser e facer. Esa identificación da vida coa capacidade de anticipar, necesaria para calquera proxecto, esixe tamén a liberdade de elección entre as distintas posibilidades que me son ofrecidas nas miñas circunstancias; hai, polo tanto, unha certa limitación e unha certa liberdade nas posibilidades de acción do home nas súas circunstancias.

5.

Polo demais, todo iso dáse no tempo, polo que a dimensión histórica do home é inseparábel do circunstancialismo, o que nos conduce ao núcleo do último pensamento orteguiano, a relación entre a vida e a historia, plasmada no concepto de razón histórica no que se concreta a noción orteguiana de razón vital. A natureza do home é, fundamentalmente, histórica. Iso supón afirmar que non hai unha natureza humana inmutábel: o home é, en cada época, en boa medida, o que herda dos seus antepasados, herdanza que se pode consolidar e aumentar, transmitíndoa ás xeracións futuras, ou dilapidar.

"En suma, que o home non ten natureza, senón que ten (...) historia. Ou, o que é igual, o que a natureza é ás cousas, éo a historia -como res gestae- ao home". (Obras completas, 6, páx. 41)

 

| Páxina anterior | | Páxina seguinte |

 

A filosofía de Ortega: o raciovitalismo 


Xeral

Seccións

Historia da filosofía

Outras seccións

 
Logo do sitio, unha curuxa, con ligazón de volta ao comezo do sitio   |  Quen somos  |  Regras de uso   |  Escríbenos  |  ©2001-2008 webdianoia.com  xhtml 1.0