Materia - Glosario de filosofía

A | B | C | D | E | F | G | H | I | J | K | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | U | V | Y

Si una palabra no aparece en el listado de términos mostrado es que no se encuentra definida en el glosario.

Materia
1. Do latín "materia" (madeira, material de construción) que corresponde ao grego "hylé" (bosque, selva, madeira, material de construción). En xeral, co termo materia os filósofos referíronse á realidade sensíbel, a todo aquilo que pode ser obxecto de experiencia.

2. En Platón a materia é concibida como un "receptáculo" baleiro que pode recibir calquera "forma" e, ao opoñela á realidade intelixíbel (que representa o verdadeiro ser), vén a facer da materia algo próximo ao "non-ser".

3. Aristóteles concibe a materia como o substrato do cambio, ou como o substrato no que "enxertan" as calidades do obxecto. Distingue, ademais, a que chama "materia próxima" (a correspondente a cada substancia: árbore, cabalo, etc.) da materia remota ou "materia primeira" (a materia da que está feita en última instancia toda a realidade). Hai que lembrar que a materia non existe como realidade independente e separada da substancia, polo que non será susceptíbel de coñecemento, falando estritamente (o coñecemento éo da substancia e acádase mediante a abstracción da forma).

4. Segundo o atomismo de Demócrito a materia é concibida como unha realidade en si mesma, que identifica co "cheo", diferenciándose do espazo, que é "baleiro". Na filosofía moderna, a partir do descrédito do aristotelismo, dotarase en xeral á materia dunha realidade única, seguindo os pasos do atomismo de Demócrito, de modo que a realidade material identificarase coa realidade natural (con excepcións, como a de Descartes, quen identificará a materia coa extensión, en lugar de co "cheo"). Esta mudanza na comprensión da materia supoñerá o abandono das concepcións especulativas e metafísicas ao redor da materia.