(- 610 a - 545)
Anaximandro de Mileto naceu aproximadamente no 610 a.C. e morreu no 545 a.C. Teofrasto describe a Anaximandro como discípulo e compañeiro de Tales, sendo uns catorce anos máis mozo ca el. Ocupouse, á igual que Tales, de cuestións prácticas relacionadas coa ciencia e atribúeselle a elaboración dun mapa do mar Negro, probabelmente para uso dos navegantes milesios que viaxaban por el. Á igual que outros filósofos gregos participou activamente na vida política da súa cidade, e atribúeselle o mando dunha expedición colonizadora a Apolonia. Polo que fai á súa actividade filosófica atribúeselle a composición dunha obra en prosa, "Sobre a natureza", na que expón as súas teorías.
"... o infinito non ten principio..., senón que parece ser iso o principio dos demais seres e que o abarca todo e que todo o goberna, como afirman cantos non postulan outras causas fóra do infinito, tales como o espírito ou a amizade; o infinito, ademais, é un ser divino, pois é inmortal e indestrutíbel, como afirman Anaximandro e a maioría dos físicos teóricos". (Aristóteles, Física, 4)
"... algunha outra natureza indeterminada (ápeiron) da cal nacen todos os ceos e os mundos que hai dentro deles. Aos seres existentes o nacemento vénlles daquilo no que se converten ao perecer, segundo a necesidade, pois páganse mutua pena e retribución pola súa inxustiza segundo a disposición do tempo, como Anaximandro di en termos un tanto poéticos". (Simplicio, Física 24,17)
| Páxina seguinte |