
No "Timeo", unha das obras escritas no período de vellez, exponnos Platón a súa cosmoloxía, inspirada, como o resto das súas grandes concepcións, na Teoría das Ideas. A partir delas o Demiurgo modela a materia e dá lugar así á constitución do noso universo. O Timeo é unha das obras de vellez de Platón na que atopamos exposta por primeira vez, sen embargo, a súa cosmoloxía. A obra comeza cunha referencia ao mito da Atlántida (que será completado e desenvolvido no Crítias).
A seguir pasa a expoñer a súa cosmoloxía, á que seguen numerosas consideracións sobre a alma do mundo, o tempo, o lugar, as clases de seres vivos e a análise das diversas características dos corpos, entre outras. Timeo, que é presentado como coñecedor das ciencias da natureza, particularmente da astronomía, e orixinario das rexións itálicas nas que se desenvolvera o pitagorismo, é o encargado de expoñer o pensamento de Platón. A cosmoloxía que nos presenta está baseada na teoría das Ideas. Antes de comezar a súa exposición faise a pregunta seguinte: En que consiste o que existe sempre e o que cambia sempre? O que existe sempre son as Ideas, e o que cambia sempre é o universo, a natureza; xa que só hai ciencia do inmutábel, non pode haber estritamente falando ciencia da natureza, senón soamente simples conxecturas ou explicacións probábeis acerca dela. Estamos, pois, diante dunha explicación verosímil, polo que non debemos atribuír literalmente a todas as afirmacións o carácter de reflectir obxectivamente o pensamento de Platón sobre o tema.
No centro do mundo o Demiurgo colocou unha alma que se estende por todas partes polo universo, alma que creou a partir da combinación das Ideas e da existencia divisíbel do devir, das cousas sensíbeis, pero tamén do Mesmo e o Outro, gozando xa que logo dunha realidade intermedia. As almas inmortais son formadas tamén polo demiurgo a partir dunha composición similar á da alma cósmica, polo que tanto unhas como a outra participan dos dous mundos. O cosmos vese convertido así nun animal eterno.
Parece ser, pois, que a intención de Platón é a de insistir, fronte ás teorías mecanicistas de Demócrito, por exemplo, fronte a un universo caótico e sen ningunha finalidade, na visión dun cosmos ordenado seguindo os ditados da intelixencia. A actuación do Demiurgo está sometida, pois, a un fin: trasladar a orde do mundo das Ideas á materia, ofrecéndonos así unha explicación finalista, teleolóxica, do universo.
| Páxina anterior | | Páxina seguinte |