Fragmentos de obras de Hobbes


Selección de fragmentos do LEVIATÁN

Capítulo XIV. Das leis naturais primeira e segunda, e dos contratos

O dereito natural, que os escritores chaman comunmente ius naturale, é a liberdade que cada home ten de usar o seu propio poder, como el queira, para a preservación da súa propia natureza, é dicir, da súa propia vida e, polo tanto, de facer toda cousa que o seu propio xuízo, e razón, conciba como o medio máis apto para iso.

Por liberdade enténdese, de acordo coa significación apropiada da palabra, a ausencia de impedimentos externos, impedimentos que a miúdo poden arrebatar a un home parte do seu poder para facer o que lle praza, pero non poden impedirlle usar do poder que lle queda, de acordo co que lle dite o seu xuízo e razón.

Unha lei de natureza (lex naturalis) é un precepto ou regra xeral atopada pola razón, pola cal se lle prohibe ao home facer aquilo que sexa destrutivo para a súa vida, ou que lle arrebate os medios de preservar a mesma, e omitir aquilo co que cree que pode preservala mellor, pois aínda que os que falan deste tema confunden a miúdo ius e lex, dereito e lei, estas débense, sen embargo, distinguir, porque o dereito consiste na liberdade de facer ou non facer, mentres que a lei determina e ata a un dos dous, polo que a lei e o dereito difiren tanto como a obriga e a liberdade, que nunha e a mesma materia son incompatíbeis.

1ª lei de natureza:

E é polo tanto un precepto, por regra xeral da razón, que todo home debe esforzarse pola paz, na medida que espere obtela, e que cando non poida obtela, poida entón buscar e usar toda a axuda e as vantaxes da guerra, de cuxa regra a primeira rama contén a primeira e fundamental lei de natureza, que é buscar a paz, e seguila, a segunda, a suma do dereito natural, que é defendernos por todos os medios que poidamos.

2ª lei de natureza:

Desta lei fundamental de natureza, pola que se ordena aos homes que se esforce pola paz, derívase esta segunda lei: que un home estea disposto, cando outros tamén o estean tanto como el, a renunciar ao seu dereito a toda cousa en prol da paz e defensa propia que considere necesaria, e se contente con tanta liberdade contra outros homes como consentiría a outros homes contra el mesmo.

Que é renunciar a un dereito:

Renunciar ao dereito dun home a toda cousa é despoxarse a si mesmo da liberdade de impedir a outro beneficiarse do seu propio dereito ao mesmo, pois aquel que renuncia, ou deixa pasar o seu dereito, non dá a outro home un dereito que non tivese previamente, porque non hai nada ao cal non tivese todo home dereito por natureza, senón que simplemente se aparta do seu camiño, para que poida gozar do seu propio dereito orixinal, sen obstáculo por parte daquel, non sen obstáculo por parte dun outro, polo que o efecto para un home da falta de dereito doutro home non é senón a equivalente diminución de impedimentos para o uso do seu propio dereito orixinal.

Un dereito é abandonado xa sexa por simple renuncia a el ou por transferencia a un outro. Por simple renuncia, cando non lle importa en quen recaia o conseguinte beneficio. Por transferencia, cando a súa intención é que o conseguinte beneficio recaia nalgunha outra persoa ou persoas determinadas. E dun home que nalgún destes xeitos abandone ou entregue o seu dereito dise entón que está obrigado ou suxeito a non impedir a aqueles aos que se concede ou abandona dito dereito a que se beneficien del, e que debe e é o seu deber non deixar sen valor este acto propio voluntario, e que tal impedimento é inxustiza e prexuízo, por ser sine iure, por que anteriormente renunciara o dereito, ou o transferira.

Primeiro límite da renuncia a un dereito:

Cada vez que un home transfire o seu dereito, ou renuncia a el, que é ou por consideración dalgún dereito que lle é reciprocamente transferido, ou por algún outro ben que espera obter de iso, porque é un acto voluntario, e o obxecto dos actos voluntarios de todo home é algún ben para si mesmo. E hai, polo tanto, algúns dereitos que non pode pensarse que un home abandone ou transfira por palabra algunha ou calquera outro signo. Un home non pode, en primeiro lugar, renunciar ao dereito de resistirse a aqueles que o asaltan pola forza, para arrebatarlle a vida, porque non pode comprenderse que iso supoña algún ben para si mesmo. O mesmo pode dicirse das feridas, e cadeas, e prisión.

Segundo límite da renuncia a un dereito:

Un pacto previo invalida o posterior, pois o home que entregou o seu dereito a un home non pode entregalo mañá a outro e, polo tanto, a última promesa non estabelece o dereito, senón que é nula. Un pacto de non defenderme a min mesmo da forza, pola forza, é sempre inválido, porque (como antes demostrei) ninguén pode transferir nin renunciar o seu dereito a salvarse da morte, feridas e prisión (evitar as cales é o único fin da renuncia a todo dereito), e polo tanto a promesa de non resistir á forza non transfire dereito algún en pacto algún, nin é obrigatoria. Pois aínda que un home poida pactar así, “agás que faga isto, ou isto, mátame”, non pode pactar así, “aínda que fagas isto, ou isto, non te opoñerei resistencia cando veñas a matarme”, porque o home elixe por natureza o mal menor, que é o perigo de morte ao resistir, antes que o maior, que é a morte certa e presente ao non resistir.

Un pacto de acusarse a si mesmo, sen seguridade de perdón, é igualmente inválido, porque na condición de natureza, onde todo home é xuíz, non hai lugar para acusación, e no estado civil, á acusación segue o castigo, ao que, por ser forzado, ningún home está obrigado a non resistir.

Que é o contrato:

A transferencia mutua dun dereito é o que os homes chaman contrato. (...) Tamén pode un dos contratantes entregar pola súa banda a cousa contratada, e deixar que o outro cumpra coa súa nalgún tempo posterior determinado, confiando entre tanto nel, e entón o contrato pola súa banda chámase pacto ou convenio, ou ambas partes poden contratar agora para cumprir máis adiante, e en tales casos o cumprimento daquel que, gozando de confianza, ten que cumprir no futuro, chámase cumprimento de promesa, ou de fe, e a falta de cumprimento (se é voluntaria) violación da fe. Cando a transferencia dun dereito non é mutua, senón que unha das partes transfire coa esperanza de gañar xa que logo amizade ou servizo doutro ou dos seus amigos, ou coa esperanza de gañar reputación de caridade ou magnanimidade, ou para librar a súa mente da dor da compaixón, ou coa esperanza dunha recompensa no ceo, isto non é un contrato, senón obsequio, doazón, graza, palabras que significan unha e a mesma cousa.

Capítulo XV. Doutras leis de natureza

3ª lei de natureza, a xustiza:

Daquela lei de natureza pola que estamos obrigados a transferir a outro aqueles dereitos que se son retidos obstaculizan a paz da humanidade, séguese unha terceira, que é esta: que os homes cumpran os pactos que celebraron, sen o cal, os pactos son en van, e nada senón palabras ocas. E subsistindo entón o dereito de todo home a toda cousa, estamos aínda na condición de guerra.

E nesta lei de natureza atópase a fonte e orixe da xustiza, pois onde non precedeu pacto, non foi transferido dereito, e todo home ten dereito a toda cousa e, polo tanto, ningunha acción pode ser inxusta. Pero cando se celebrou un pacto, entón rompelo é inxusto, e a definición de inxustiza non é outra que o non cumprimento do pacto, e todo aquilo que non é inxusto é xusto. (...) Polo tanto, antes de que os nomes do xusto ou inxusto poidan aceptarse, deberá haber algún poder coercitivo que obrigue igualitariamente aos homes ao cumprimento dos seus pactos, polo terror a algún castigo maior que o beneficio que esperan da ruptura do seu pacto e que faga boa aquela propiedade que os homes adquiren por contrato mutuo, en compensación do dereito universal que abandonan, e non existe tal poder antes de que se erixa unha República.

4ª lei de natureza:

Así como a xustiza depende do pacto previo, así depende a gratitude dunha graza previa, é dicir, doazón previa, e é a cuarta lei de natureza, que pode ser concibida nesta forma: que un home que reciba beneficio doutro por mera graza se esforce para que aquel que o dea non teña causa razoábel para arrepentirse da súa boa vontade, pois ninguén dá máis que coa intención de procurarse a si mesmo un ben, porque o dar é voluntario, e en todo acto voluntario o obxecto é para todo home o seu propio ben.

5ª lei de natureza:

Unha quinta lei de natureza é a diferenza, é dicir, que todo home se esforce por acomodarse ao resto dos homes. Para entendelo podemos considerar que hai na aptitude dos homes para a sociedade unha diversidade natural que xorde da súa diversidade de afectos, de forma semellante ao que vemos nas pedras que se poñen xuntas para construír un edificio, pois así como a pedra que pola súa aspereza e irregularidade de figura quítalle máis espazo ás outras que o que ela mesma enche e que pola súa dureza non pode ser facilmente pulida, obstaculizando así a construción, é caracterizada polos construtores como non beneficiosa e perturbadora, así tamén un home que pola súa aspereza natural esfórcese en reter aquelas cousas que lle son superfluas e que son para outros necesarias e que, por mor do teimoso das súas paixóns, non poida ser corrixido, ten que ser abandonado ou expulsado da sociedade, como obstáculo para ela. Pois dado que se supón que todo home, non só por dereito senón tamén por necesidade natural, esforzarase todo o que poida para obter aquilo que é necesario para a súa conservación, aquel que se opoña a isto por cousas superfluas é culpábel da guerra que se seguirá de iso, e fai, polo tanto, aquilo que é contrario á lei fundamental de natureza, que ordena buscar a paz. Os observantes desta lei poden ser chamados sociábeis (os latinos chámanlles commodi), e os opostos a ela teimosos, insociábeis, perversos, intratábeis.

6ª lei de natureza:

Unha sexta lei de natureza é esta: que diante da garantía para o tempo futuro, un home debe perdoar as ofensas pasadas daqueles que, arrepentidos, o desexan, pois o perdón non é máis que o outorgamento de paz, que, se se lle outorga a aqueles que perseveran na súa hostilidade, non é paz, senón temor, pero se non se lle outorga a aqueles que garanten o tempo futuro, é sinal de aversión á paz e, polo tanto, oposta á lei de natureza.

7ª lei de natureza:

Unha sétima é: que nas vinganzas (isto é, na retribución de mal por mal) os homes non miren a magnitude do mal pasado, senón a magnitude do ben por vir, polo que estános prohibido castigar con outro fin que a corrección do ofensor ou a guía doutros, pois esta lei é consecuente coa que lle precede, que prescribe o perdón por seguridade diante do tempo futuro.

Obriga das leis de natureza:

As leis de natureza obrigan in foro interno, é dicir, atan a un desexo de que tivesen lugar, pero in foro externo, isto é, a poñelas en acto, non sempre, pois quen fose modesto e tratábel, e cumprise todo canto prometera, en tempo e lugar onde ningún outro home o fixese, non faría senón facerse presa doutros e procurar a súa propia e certa ruína, contra a base de toda lei de natureza, que tende á preservación da natureza. E ademais, aquel que tendo suficiente seguridade de que outros observarán as mesmas leis con respecto a el, non as observe el mesmo, non busca a paz, senón a guerra e, polo tanto, a destrución da súa natureza por violencia. As leis de natureza son inmutábeis e eternas, pois a inxustiza, a ingratitude, a arrogancia, o orgullo, a iniquidade, o favoritismo de persoas e demais non poden nunca facerse lexítimos, porque non pode ser que a guerra preserve a vida e a paz a setrúa. As mesmas leis, xa que obrigan soamente a un desexo, e intención, son facilmente observábeis, pois para iso non requiren outra cousa que intención; o que intenta cumprilas, dálles cumprimento, e aquel que dá cumprimento á lei é xusto. E a ciencia delas é a verdadeira e única filosofía moral, pois a filosofía moral non é outra cousa que a ciencia do que é bo e malo na conservación e sociedade humana. Bo e malo son nomes que significan os nosos apetitos, e aversións, que son diferentes nos diferentes caracteres, costumes e doutrinas dos homes.

Capítulo XVI. Das persoas, autores e cousas personificadas

Persoa é aquel cuxas palabras ou accións son consideradas, ben sexa como cousas súas, ben como representando as palabras e accións doutro home, ou de calquera outra cousa á que se atribúan, verdadeiramente ou por ficción.

Cando se consideran como súas, chámaselle entón persoa natural, e cando se consideran como representación das palabras e accións dalgún outro, entón é unha persoa artificial ou simulada.

Unha multitude de homes faise unha persoa cando son representados por un home ou unha persoa sempre que se faga co consentimento de cada un en particular dos daquela multitude, pois é a unidade do mandatario, non a unidade dos representados, o que fai da persoa unha, e é o mandatario o portador da persoa, e dunha soa persoa. A unidade en multitude non pode entenderse doutra forma.

Capítulo XVII. Das causas, xeración e definición dunha República

A causa final, meta ou designio dos homes (que aman naturalmente a liberdade e o dominio sobre outros) ao introducir entre eles esa restrición da vida en repúblicas é coidar da súa propia preservación e conseguir unha vida máis ditosa;

(...) Pois se puidésemos supoñer que unha gran multitude de homes se dobregaría á observancia da xustiza e outras leis da natureza sen un poder común capaz de manter a todos os seus membros no temor, poderiamos do mesmo xeito supoñer que toda a humanidade fixese o mesmo, e entón nin habería goberno civil nin necesidade del, nin de República en absoluto, porque habería paz sen sometemento.

(...) e someter así as súas vontades, unha a unha, á súa vontade, e os seus xuízos ao seu xuízo. Isto é máis que consentimento ou concordia; é unha verdadeira unidade de todos eles nunha e idéntica persoa feita por pacto de cada home con cada home, coma se todo home debese dicir a todo home: autorizo e abandono o dereito a gobernarme a min mesmo, a este home, ou a esta asemblea de homes, coa condición de que ti abandones o teu dereito a iso e autorices todas as súas accións de maneira semellante. Feito isto, a multitude así unida nunha persoa chámase república, en latín "civitas".

Esta é a xeración do gran Leviatán ou máis ben (por falar con maior reverencia) dese Deus Mortal a quen debemos, baixo o Deus Inmortal, a nosa paz e defensa.

Definición de República:

E nel consiste a esencia da república que (por definila) é unha persoa cuxos actos asumiu como autora unha gran multitude, por pactos mutuos duns con outros, aos fins de que poida usar a forza e os medios de todos eles, e segundo considere oportuno, para a súa paz e defensa común. E o que carga con esta persoa denomínase soberano e dise que posúe poder soberano; calquera outro é o seu súbdito.

Este poder soberano acádase por dous camiños. Un é a forza natural. Así acontece cando un home fai que os seus fillos e os fillos destes se sometan ao seu goberno como sendo capaz de destruílos se refusan. Ou cando mediante guerra somete aos seus inimigos á súa vontade, dándolles a vida con esa condición.

A outra é cando os homes acordan voluntariamente entre eles mesmos someterse a un home, ou asemblea de homes, confiando en ser protexidos por el ou ela fronte a todos os demais. Esta última pode chamarse unha república política ou república por institución; e a primeira unha república por adquisición.

Thomas Hobbes , "Leviatán"