O profesorado de Filosofía reunido en asemblea convocada pola Sociedade Galega de Filosofía (SOGAFI) nas Xornadas sobre Educación da Cidadanía, quere manifestar o seu desacordo co Anteproxecto de Ordenación do Currículo do Bacharelato para Galicia no que atinxe á redución da carga horaria da materia de Filosofía e Cidadanía, de tres a dúas horas semanais, polas seguintes razóns:
• Constitúe un dereito irrenunciable do alumnado de bacharelato dispor dun espazo de reflexión crítica e racional que garde unha relación clara coa tradición filosófica europea. Como ten sinalado a Declaración de París a favor da Filosofía (UNESCO):
… reafirmamos que a educación filosófica, por formar espíritos libres e reflexivos, capaces de resistir ás diversas formas de propaganda, de fanatismo, de exclusión e de intolerancia, contribúe á paz e prepara a cada un para facerse cargo das súas responsabilidades fronte ás grandes cuestións contemporáneas, no dominio da ética especialmente;
Xulgamos que o desenvolvemento da reflexión filosófica, tanto no ensino como na vida cultural, contribúe de xeito importante á formación de cidadáns ao exercitar a súa capacidade de xuízo, elemento fundamental de toda democracia.
• É manifestamente incoherente que os poderes públicos insistan na importancia dun ensino dirixido a promover o exercicio dunha cidadanía informada, autónoma e democrática –até o punto de provocar unha viva polémica social– , para de seguido privar ao alumnado da formación específica indispensable para desenvolver as competencias implicadas, dende as que capacitan para acceder á linguaxe e á conceptualidade propia da Constitución, os Estatutos de Autonomía, os Tratados Internacionais e todos os textos que garanten e formulan os Dereitos humanos dende a metade do século XX, até as que fan posible a apropiación crítica do coñecemento e os valores civís.
• A redución de 3 a 2 horas da carga horaria de calquera materia, como viría a suceder coa Filosofía e Cidadanía –máxime ao se manter, cando menos, o mesmo nivel, en cantidade e complexidade, de contidos conceptuais e procedementais–, non só compromete o cumprimento do seu currículo, senón mesmo a súa mesma viabilidade como materias educativamente útiles, provocando, xa que logo, a súa degradación e finalmente a súa extinción.
• Por outra banda a Historia da Filosofía de segundo de bacharelato deixaría de dispor da propedéutica que precisa no primeiro curso, así como dunha vía alternativa á histórica de acceso aos contidos filosóficos, polo que sen dúbida os seus obxectivos se verán afectados.
Por todo o exposto solicitamos o apoio de cantos compartan os argumentos aducidos para requirirmos aos poderes públicos a procura dunha solución na que en todo caso sexa salvagardada a viabilidade da materia de Filosofía e Cidadanía dotándoa cunha carga horaria de ao menos tres horas semanais.
Para asinar o manifiesto reencha o formulario que se atopa na web da Sociedade Galega de Filosofía .
A nova lei, (LEI ORGÁNICA 2/2006, de 3 de maio, de Educación), coñecida como LOE, foi publicada no BOE núm. 106, de 4 de maio de 2006.
No título I establécese a ordenación das ensinanzas e as súas etapas e, entre outras cousas, dise:
"O Bacharelato comprende dous cursos e desenvólvese en tres modalidades diferentes, organizadas de modo flexíbel, en distintas vías que serán o resultado da libre elección polos alumnos de materias de modalidade e optativas. Os alumnos con avaliación positiva en todas as materias obterán o título de Bacharel. Trala obtención do título, poderán incorporarse á vida laboral,matricularse na formación profesional de grao superior ou acceder aos estudos superiores. Para acceder á universidade será necesaria a superación dunha única proba homologada á que poderán presentarse quen estean en posesión do título de Bacharel.
No que se refire ao currículo, unha das novidades da Lei consiste en situar a preocupación pola educación para a cidadanía nun lugar moi salientado do conxunto das actividades educativas e na introdución duns novos contidos referidos a esta educación que, con diferentes denominacións, de acordo coa natureza dos contidos e as idades dos alumnos, impartirase nalgúns cursos da educación primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato. A súa finalidade consiste en ofrecer a todos os estudantes un espazo de reflexión, análises e estudo acerca das características fundamentais e o funcionamento dun réxime democrático, dos principios e dereitos estabelecidos na Constitución española e nos tratados e as declaracións universais dos dereitos humanos, así como dos valores comúns que constitúen o substrato da cidadanía democrática nun contexto global. Esta educación, cuxos contidos non poden considerarse en ningún caso alternativos ou seu stitutorios do ensino relixiosa, non entra en contradición coa práctica democrática que debe inspirar o conxunto da vida escolar e que ha de desenvolverse como parte da educación en valores con carácter transversal a todas as actividades escolares. A nova materia permitirá profundar nalgúns aspectos relativos á nosa vida en común, contribuíndo a formar aos novos cidadáns."
O contido completo da nova lei pódese obter na páxina inicial do MEC indo á ligazón "Lei orgánica de Educación", que se atopa á dereita da páxina. O documento ofrécese en formato PDF.