A filosofía de Nietzsche


Friedrich Wilhelm Nietzsche

1. Introducción

A filosofía de Nietzsche: Introdución

A obra de Nietzsche non se deixa tratar facilmente de forma sistemática, malia os intentos dalgúns dos seus estudosos por facelo así. A súa influencia deixouse sentir de forma distinta e, ás veces, contraditoria, pero en todo caso non tivo un carácter uniforme: Nietzsche significou cousas distintas segundo os seus distintos intérpretes. A súa mesma forma de expresión contribúe a iso, xa que ao utilizar preferentemente o aforismo como vehículo do seu pensamento, o carácter metafórico do mesmo préstase con frecuencia a distintas interpretacións. Ademais, a miúdo podemos atopar nas súas obras aforismos contraditorios entre si, sendo difícil poder determinar cal deles representa a súa "auténtica" posición sobre o tema tratado, se é que ten algún sentido ese tipo de preguntas referidas ao pensamento de Nietzsche.

A reacción de Marx (1818-1883) contra o idealismo levouno a rexeitar a identificación do suxeito coa conciencia e, manténdose dentro da tradición filosófica que comeza coa modernidade -e que afirma a centralidade do suxeito no filosofar-, termina por identificar ese suxeito coa acción, coa "praxe" (e máis concretamente coa actividade produtiva: é na súa actividade produtiva onde o ser humano xera e constitúe a realidade, a súa propia e a do mundo que obxectivamente transforma e modifica).

Nietzsche dará un paso semellante, afastándose da identificación do suxeito coa conciencia, pero noutra dirección: en lugar da actividade produtiva postulará a "vida" como factor en torno ao que se constitúe a realidade. O suxeito é, fundamentalmente, vida, e non conciencia, pensamento. O fenómeno vital pasa así a constituírse no centro da reflexión filosófica, exercendo unha considerábel influencia a finais do XIX e durante a primeira metade do século XX, aínda que con distintas interpretacións, como as de H. Bergson e Ortega y Gasset (racio-vitalismo), entre outros. Polo que a Nietzsche respecta, a realidade é esencialmente contraditoria, pero interpretará esta contradición dun modo distinto a como o fixeran Hegel (Idealismo) e Marx (materialismo histórico), seguindo dun modo a veces literal a cosmovisión de Heráclito, aínda que trasladada á referencia do vital como único eixe interpretativo válido.

A realidade está sometida ao cambio, que está regulado pola loita de elementos contrarios e abocada a unha repetición infinita no contexto dun ciclo cósmico que a conduce a un eterno retorno, en relación co que todo acada o seu sentido. Nesa loita, a conciencia trata de fixar o movemento, de anulalo, substituíndo por conceptos o movemento real das cousas, substituíndo o vital por unha representación do vital. Pero toda representación é falsa, en canto representación, polo que a non-vida termina por substituír á vida, o falso ao verdadeiro. Recuperar a verdade, poñer de manifesto a radical prioridade da vida sobre a conciencia será, en boa medida o proxecto nietzscheano.