Fragmentos de obras de Marx


XI teses sobre Feuerbach

Crítica do materialismo teórico de Feuerbach

1. A falla fundamental de todo o materialismo precedente (incluíndo o de Feuerbach) reside en que só capta a cousa (Gegestand), a realidade, o sensíbel, baixo a forma de obxecto (Objekt) ou da contemplación (Anschauung), non como actividade humana sensorial, como práctica; non dun modo subxectivo. De aí que o lado activo se desenvolvera dun modo abstracto, en contraposición ao materialismo polo idealismo, o cal, naturalmente, non coñece a actividade real, sensorial, en canto tal. Feuerbach aspira a obxectos sensíbeis, realmente distintos dos obxectos conceptuais, pero non concibe a actividade humana mesma como unha actividade obxectiva (gegenstädliche). Por iso na esencia do cristianismo só se considera como autenticamente humano o comportamento teórico, e en cambio a práctica só se capta e se plasma baixo a súa sucia forma xudía de manifestarse. De aí que Feuerbach non comprenda a importancia da actividade "revolucionaria", da actividade "crítico-práctica".

2. O problema de se pode atribuírse ao pensamento humano unha verdade obxectiva non é un problema teórico, senón un problema práctico. É na práctica onde o home debe demostrar a verdade, é dicir, a realidade e o poder, a terrealidade do seu pensamento. A disputa en torno á realidade ou irrealidade do pensamento -illado da práctica- é un problema puramente escolástico.

3. A teoría materialista do cambio das circunstancias e da educación esquece que as circunstancias fanas cambiar os homes e que o educador necesita, pola súa vez, ser educado. Ten, pois, que distinguir na sociedade dúas partes, unha das cales áchase colocada por riba dela. A coincidencia do cambio das circunstancias co da actividade humana ou cambio dos homes mesmos só pode concibirse e entenderse racionalmente como práctica revolucionaria.

4. Feuerbach parte do feito da autoalienación relixiosa, do desdobramento do mundo nun mundo relixioso e outro terreal. O seu labor consiste en reducir o mundo relixioso ao seu fundamento terreal. Pero o feito de que o fundamento terreal se separe de si mesmo para plasmarse como un reino independente que flota nas nubes é algo que só pode explicarse polo propio esgarramento e a contradición deste fundamento terreal consigo mesmo. Por iso, é necesario tanto comprendelo na súa propia contradición como revolucionala practicamente eliminando a contradición. Así, pois, por exemplo, despois de descubrir a familia terreal como o segredo da familia sagrada, hai que aniquilar teórica e practicamente a primeira.

5. Feuerbach non se da por satisfeito co pensamento abstracto e recorre á contemplación (Anschauung); pero non concibe o sensorial como actividade sensorial humana práctica.

6. Feuerbach resolve a esencia relixiosa na esencia humana. Pero a esencia humana non é algo abstracto e inmanente a cada individuo. É, na súa realidade, o conxunto das relacións sociais. Feuerbach, que non entra na crítica desta esencia real, vese, polo tanto, obrigado:

7. Feuerbach non ve, polo tanto, que o "sentimento relixioso" é pola súa vez un produto social e que o individuo abstracto que el analiza pertence a unha determinada forma de sociedade.

8. Toda vida social é esencialmente práctica. Todos os misterios que inducen á teoría, ao misticismo, atopan a súa solución racional na práctica humana e na comprensión desta práctica.

9. Ao máis que pode chegar o materialismo contemplativo, é dicir, o que non concibe o sensorial como unha actividade práctica, é a contemplar aos diversos individuos soltos e á sociedade civil. civil.

10. O punto de vista do materialismo antigo é a sociedade civil; o do materialismo moderno, a sociedade humana ou a humanidade social.

11. Os filósofos limitáronse a interpretar o mundo de distintos modos; do que se trata é de transformalo.