Louis Althusser


Louis Althusser

3. A ciencia marxista: o materialismo histórico

Por José Romero

A CIENCIA MARXISTA: O MATERIALISMO HISTÓRICO

Fronte a outras visións, a tese básica que Althusser defendeu en relación ao marxismo, foi a de que Marx fundara unha ciencia: a ciencia da historia ou materialismo histórico (tamén chamado socialismo científico ou comunismo científico) cuxo obxecto de estudo é a historia política, económica, e ideolóxica das sociedades humanas.

A ciencia da historia fundada por Marx, ten as mesmas características que outras disciplinas científicas; tales como a física, a química, a bioloxía, etc. Nestas disciplinas, os científicos investigan determinados fenómenos naturais co fin de enunciar leis cuxo coñecemento permita transformar unha realidade. Así, por exemplo, a física proporciona coñecementos en forma de leis que poden ser aplicadas tecnicamente, de modo que coñecendo a causa dun fenómeno, pode reproducirse este en condicións controladas para obter un efecto desexado. Por exemplo, a lei de Faraday permite a construción de motores eléctricos, etc.

No caso do materialismo histórico fundado por Marx, esta ciencia proporciona coñecementos cuxa aplicación práctica serviría para transformar unha realidade social caracterizada por relacións de dominación, explotación e violencia entre clases sociais, nunha sociedade sen clases na que a capacidade produtiva material e cultural da sociedade estivese ao servizo da sociedade enteira, e non ao servizo dos intereses dunha minoría dominante.

Unha das diferencias do materialismo histórico con respecto ás ciencias naturais reside en que nestas últimas, a transformación da realidade prodúcese nun laboratorio e efectúaa un científico ou un grupo de científicos, é dicir, que os “axentes” (e os coñecedores) das ciencias naturais son unha comunidade pequena respecto á sociedade á que pertencen; mentres que a transformación proposta polo materialismo histórico só se pode levar a cabo pola acción política organizada dunha clase social: a clase obreira asalariada (ou proletariado), que mercé á súa posición obxectiva na estrutura social, é a forza social (aliada con outras forzas sociais) capaz de transformar a estrutura social mediante a súa emancipación respecto á dominación á que está sometida (a explotación capitalista).

O socialismo científico ocúpase, polo tanto, de orientar racionalmente as loitas políticas da clase obreira mediante o coñecemento obxectivo da estrutura na que está insire. Racionalmente nun dobre sentido: 1) nun sentido teórico, dado que o marxismo pon en evidencia o carácter falaz das xustificacións ideolóxicas do capitalismo. 2) nun sentido político, xa que co marxismo, a clase obreira pode coñecer as causas materiais da escaseza e dominación que padece e así, pode orientar as súas loitas correctamente, loitas cuxo fin é construír a súa unidade en canto clase social (é dicir, que cada obreiro se recoñeza como un individuo cuxos intereses individuais están ligados aos da clase social á que pertence), para poder chegar ao poder e transformar a sociedade.

De aí a importancia que Althusser lle dará á “fusión” do movemento obreiro coa teoría marxista, fusión que consistiría en que o movemento obreiro recoñeza os seus intereses de clase na teoría marxista, de modo que para o filósofo francés, esta “fusión” sería o acontecemento máis grande da historia humana.

AS CIENCIAS COMO PROCESOS DE PRODUCIÓN DE COÑECEMENTOS

Althusser concibía ás ciencias como “procesos de produción teóricos” similares ao proceso de produción económico de bens materiais. Ditos procesos de produción seguen o mesmo esquema co que Marx describira o proceso de produción de bens materiais en “O Capital”.

Marx afirmaba que todo “valor de uso” (é dicir, obxecto útil) é resultado dun proceso de traballo do ser humano sobre a natureza. No devandito proceso de traballo, podían distinguirse varios elementos: o traballador (ou traballadores), o obxecto de traballo (que pola súa vez pode ser unha “materia bruta” se non foi obxecto de elaboración previa, ou“materia primeira”, se o foi), e os medios de traballo; que son os instrumentos e as condicións que o traballador necesita para realizar o seu labor; tanto os instrumentos que interpón entre el e o seu obxecto (ferramentas), como as condicións que fan posíbel o traballo (talleres, iluminación, etc.).

O fin do proceso de traballo é a transformación dun obxecto (materia bruta ou primeira) nun produto útil mediante a aplicación dos medios de traballo co obxecto de traballo.

Althusser estabelecía un paralelismo entre o proceso de traballo de bens materiais e o traballo científico como proceso de produción teórica de coñecementos científicos; facendo unha analoxía entre o traballo manual e o intelectual.

Todo científico traballa transformando un obxecto teórico (unha percepción sensorial, unha información, un coñecemento científico previo, un prexuízo social, unha experiencia política, etc.) nun coñecemento científico (unha lei natural, por exemplo) mediante conceptos científicos, que son os medios de traballo cos cales o científico realiza a transformación do obxecto teórico que investiga. Do mesmo modo que un químico necesita medios materiais para realizar o seu traballo de laboratorio (probetas, matraces, reactivos, etc.) tamén necesita medios teóricos para poder pensar sobre o seu obxecto (o principio de conservación da masa-enerxía, é un exemplo de medio de traballo teórico).

A diferenza entre o traballo manual e o intelectual estaría na natureza tanto dos medios e os obxectos de traballo como dos produtos do traballo. No caso do traballo manual trataríase de obxectos, medios e produtos “materiais”; mentres que no caso do traballo intelectual serían obxectos, medios e produtos “teóricos”. Ademais, do mesmo modo que nun proceso de produción material é necesario reproducir as súas condicións (reparar o desgaste dos instrumentos de traballo, por exemplo); o traballo teórico tamén debe reproducir os seus conceptos no seu resultado, de modo que este debe de servir pola súa vez de novo punto de partida para novas investigacións, utilizando os mesmos conceptos, “refinados” e “precisados”, se é necesario, é dicir, eles mesmos transformados.

No proceso de produción de coñecementos científicos, os elementos decisivos son os conceptos científicos como medios de traballo, (o que se pode chamar “dispositivo conceptual”), xa que son estes os que determinan o tipo de coñecementos que se obteñen como resultado da actividade cognoscitiva. Do mesmo modo que na produción material, a cantidade e calidade dos obxectos útiles resultado do traballo do ser humano sobre a natureza, dependen da capacidade produtiva dos medios de traballo, o potencial científico dunha ciencia depende do seu “dispositivo conceptual”, que forman os seus medios de traballo teóricos, os seus conceptos.

Unha ciencia sería, pois, un conxunto ordenado de medios e obxectos de traballo teóricos. Althusser chamaba “problemática”, ao conxunto ordenado de conceptos e obxectos que configuran unha ciencia.

Xa que logo, unha ciencia “nace” cando un científico elabora “o concepto do seu obxecto”; é dicir, cando un traballador intelectual constrúe o dispositivo conceptual adecuado para o coñecemento racional dun obxecto teórico. Así, por exemplo, a química científica naceu cando Lavoisier elaborou o principio de conservación da masa, que serviu de “medio de traballo” para investigar axeitadamente os procesos químicos e así producir coñecementos; substituíndo ao concepto de floxisto, concepto non-científico, ao mostrarse incapaz de dar conta de determinados fenómenos químicos.

Dado que a ciencia é un proceso que sempre parte dunha materia primeira, ningunha ciencia xorde da nada, senón que ten unha “prehistoria” que está formada polos obxectos teóricos (que normalmente son as teorías non científicas previas) que serven de materia primeira para ser traballados por un dispositivo conceptual científico.

Toda ciencia ten pois, a súa prehistoria, porque todos os obxectos da realidade son sempre coñecidos polos seres humanos espontaneamente desde que estes teñen conciencia, dado que a realidade é exterior á conciencia e sempre se percibe dalgún modo, pero xa que toda percepción espontánea dunha realidade non é necesariamente fiábel (porque, por exemplo, está baseada en prexuízos que deforman a nosa percepción) antes de que unha realidade poida ser coñecida cientificamente, percíbese doutra forma: “deformadamente” ou como Althusser dicía “ideoloxicamente”.

Polo tanto, unha ciencia “nace” cando “rompe” coa súa prehistoria, elaborando o “concepto do seu obxecto”, é dicir, o conxunto de conceptos máis axeitados para o coñecemento do obxecto que se propón estudar.

Althusser explicaba isto cunha metáfora:

As ciencias están instaladas en “continentes” teóricos que son o seu campo de investigación. Así, ao longo da historia abriríanse para o coñecemento científico tres grandes continentes teóricos. O primeiro sería o das matemáticas, que comezou a explorarse na Antiga Grecia, quizais por Tales de Mileto. O segundo sería o da Física e as ciencias naturais, cuxo primeiro explorador foi Galileo Galilei. E o terceiro sería o continente da Historia, aberto por Marx ao coñecemento científico. (Althusser consideraba que estes “continentes” terían “subcontinentes”, de modo que por exemplo, Lavoisier abriría o “subcontinente” Química pertencente ao continente Física).

Tamén Althusser afirmou que quizais, Freud déranos as chaves para abrir o continente teórico dos fenómenos psíquicos ao coñecemento científico.

Os “continentes” teóricos das ciencias, é dicir, o campo dos seus obxectos de investigación xa existirían antes de ser abertos ao coñecemento científico, pero en lugar de ser “explorados cientificamente”, estarían “explorados ideoloxicamente” polas súas respectivas prehistorias, isto é, tanto da Física como da Historia xa existiría un coñecemento logo da a súa constitución en ciencias, coñecemento que sería “non científico”, senón “ideolóxico”.

No caso da Física, a ideoloxía mediante a cal serían coñecidos os obxectos da natureza sería a física de Aristóteles, que sería substituída polos principios estabelecidos primeiro por Galileo e logo por Newton. (Por exemplo, o principio de inercia ou de conservación da cantidade de movemento que substituiría á física aristotélica).

É dicir, que para precisar mellor a metáfora, habería que dicir, que os continentes teóricos “eran coñecidos, pero non eran explorados axeitadamente”.

A prehistoria da ciencia da Historia, é dicir, o seu coñecemento ideolóxico logo do seu coñecemento científico estaba dado polas chamadas “tres fontes do marxismo”: a filosofía clásica alemá de Hegel e Feuerbach, a economía política clásica de Smith e Ricardo; e o socialismo utópico francés de Saint-Simon, Proudhon, etc. Ditas fontes constitúen a “materia primeira” que Marx transformou mediante o seu dispositivo conceptual.

Hai que sinalar, que o feito de que estas fontes tivesen un carácter predominantemente ideolóxico, non-científico, non impide que tivesen elementos científicos, como Marx recoñecería tanto en Ricardo como en Hegel (de quen dicía que aproveitara o “núcleo racional” da súa doutrina separándoo da súa “cortiza mística”).

Así, Hegel sería a Marx, no que se refire ao coñecemento da Historia, o que Aristóteles a Galileo no que se refire ao coñecemento da Natureza.

Althusser chamaba Xeneralidades I (G I) á materia primeira de estudo dunha ciencia, Xeneralidades II (G II) aos medios de traballo teórico e Xeneralidades III (G III) aos coñecementos producidos como resultado do traballo de G II sobre G I

Xa que logo, as fontes do marxismo serían as G I, que Marx transformaría en coñecementos científicos G III, mediante a aplicación dun novo dispositivo conceptual, G II creado por el.

Althusser pensaba que o traballo do intelectual marxista consiste en aproveitar e desenvolver o legado teórico de Marx, o seu “dispositivo conceptual”. Dito dispositivo atópase nas obras de Marx e Engels (sobre todo en “O Capital”), “en estado práctico”, é dicir, que Marx e Engels foron elaborando os conceptos que configuran a súa teoría “sobre a marcha” dos acontecementos políticos que viviron. Foi por iso polo que reclamou á necesidade de “volver a ler a Marx”, é dicir, de buscar nas fontes orixinais os conceptos que están implícitos nas súas obras, para facelos explícitos mediante un traballo filosófico.