Biografía Obras Filosofía Textos Exercicios Curiosidades

A filosofía de Aristóteles


Busto de Aristóteles

(- 384 a - 322)

1.2. Lóxica: os xuízos

Os xuízos

A relación de dous conceptos dá lugar á formulación dun xuízo. Se se dá entre ambos unha relación de conveniencia dicimos que o xuízo é afirmativo, e en caso contrario, negativo. O suxeito do xuízo é o concepto do que se afirma ou nega algo; o predicado é o concepto que se afirma ou nega do suxeito. Aristóteles distingue nos xuízos a materia e a forma. A materia ou contido do xuízo son os conceptos que se relacionan; a forma é a relación que se estabelece entre eles a través do verbo ser. Aristóteles representa o suxeito do xuízo cun signo (S) e o predicado con outro (P) para intentar separar a materia da forma: así, a forma do xuízo "Xan é alto" representaríase como "S é P", e a forma do xuízo "Xan non é alto" como "S non é P".

Os xuízos clasifícanse en varios grupos, atendendo á cantidade (segundo a extensión do suxeito: universais, particulares, singulares), a calidade (segundo a calidade da cópula: afirmativos e negativos), a relación (segundo a relación entre o suxeito e o predicado: categóricos, hipotéticos e disxuntivos) e a modalidade (segundo o modo no que expresan a relación entre o suxeito e o predicado: apodícticos, asertóricos e problemáticos). De aí seguese unha clasificación ordenada de todas as formas de xuízo; no caso dos xuízos categóricos, por exemplo, daríase a seguinte clasificación, combinando a cantidade (universal e particular) e a calidade (afirmativo e negativo):

Clases de xuízos e letras que os representan
Clase de xuízo Representación
Universal afirmativo Adóitase representar coa letra A
Universal negativo Adóitase representar coa letra E
Particular afirmativo Adóitase representar coa letra I
Particular negativo Adóitase representar coa letra O

A asignación destas letras para representa-las formas do xuízo categórico é posterior a Aristóteles e procede das palabras latinas "Afirmo" e "nEgO", e é a que se utilizou tradicionalmente entre nós para referirnos á clasificación aristotélica dos xuízos. Tamén Aristóteles estuda as formas de oposición entre os xuízos, (é dicir, a diversidade entre os xuízos que teñen o mesmo suxeito e predicado), deducindo unha serie de regras sobre a verdade dos mesmos que se han de cumprir independentemente dos conceptos que elixamos para formar os xuízos.

En función de tales regras pódense estabelecer relacións de oposición entre os distintos tipos de xuízos, segundo sexan contrarios, contradictorios, subcontrarios ou subalternos, determinando o seu valor de verdade en función do tipo de oposición con outro xuízo coñecido. Pódense representar co cadro seguinte:

Cadro coas relacións dos xuízos, segundo sexan contrarios, contradictorios, subcontrarios ou subalternos

Do mesmo xeito que ocorría cos conceptos, que son actos mentais que se expresan mediante termos lingüísticos, os xuízos son actos mentais que se expresan mediante proposicións, é dicir, mediante un conxunto de palabras ou oración gramatical. O mesmo xuízo pódese expresar con distintas proposicións (por exemplo, usando distintos idiomas), e ás veces a mesma proposición pode referirse a xuízos distintos, ("esta é a miña casa", dito por dúas persoas distintas).